Site icon Crónica3.com A Mariña

O CD Foz recibirá 45.000 euros da Área de Deportes da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Lugo, 19 de decembro de 2014. O vicepresidente e responsábel de Benestar e Deporte da Deputación, o nacionalista Antonio Veiga, anunciou este venres na rolda de prensa posterior á xunta de goberno do organismo provincial a aprobación de catro convenios por unha contía global superior aos 120.000 euros. A partida máis importante irá destinada ao Club Deportivo Foz, que recibirá 45.034 para realizar distintos obras de mellora no estadio Martínez Otero. Entre os arranxos destaca o arranxo de parte das deterioradas cubertas do campo de fútbol focense. “O vello estadio Martínez Otero é un campo histórico dentro da comarca da Mariña. Foi construído xa nos anos 50 e cremos que estas reformas que se van levar a cabo son máis que necesarias, xa que ademais dos encontros do primeiro equipo do CD Foz, durante o ano acolle varios campus e torneos nos que participan moitos nenos e nenas”, explicou Antonio Veiga.

Así mesmo, indicou que “estes traballos van na liña de manter as instalacións existentes, independentemente de que na medida das posibilidades apostemos por facer instalacións alí onde sexa preciso e orzamentariamente posible. É importante colaborar neste tipo de actuacións, sobre todo polas dificultades que teñen os concellos para acometer este tipo de obras”, asegurou.

Mentres tanto, o Concello de Monforte recibirá 28.500 euros que servirán para sufragar os gastos dun proxecto que pretende eliminar as barreiras arquitectónicas que aínda existen na cidade do Cabe. “Dende a Vicepresidencia Primeira estamos moi concienciados con todas as cuestións relacionadas co Benestar e cremos fundamental facerlle máis doada a vida ás persoas con discapacidades físicas e permitirlle que podan desenvolver a súa vida diaria en igualdade de condicións que o resto de cidadáns. Un dos atrancos principais cos que aínda se atopan en moitos lugares son as barreiras arquitectónicas e unha das nosas liñas de actuación sempre foi intentar acabar con elas, de aí que colaboremos co Concello de Monforte neste proxecto”, apuntou Antonio Veiga.

Deses máis de 120.000 euros, un total de 20.000 irán destinados á Asociación de Veciños Santa Lucía de Candia, no Concello de Abadín. Servirán para financiar os gastos derivados do arranxo do local social. “As asociacións de veciños de núcleos pequenos e rurais fan unha labor social sobresaínte á hora de ofrecerlle aos seus asociados actividades culturais, deportivas, recreativas ou de tempo libre. Dinamizan o rural e tamén é unha aposta nosa levar servizos a eses concellos máis pequenos”, remarcou o vicepresidente provincial.

O último convenio terá como beneficiario a Vía Láctea Filmes, que recibirá unha axuda de 30.000 euros. “Trátase dunha subvención plurianual, entre os anos 2014 e 2015, para colaborar nos gastos do proxecto denominado ‘A Esmorga’, unha película que xa leva varias semanas en carteleira e que goza de todos os parabéns da crítica. Hai que facer o posible por difundir a nosa cultura e este é un proxecto moi bo para facelo, colaborando ademais co noso audiovisual”, expuxo Veiga, quen recordou que moitos das escenas do filme “tiveron á provincia de Lugo como escenario, nomeadamente o Pazo de Tor, en Monforte, onde sucede unha parte importante da trama”, expuxo.

Exit mobile version