Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club de Remo Ribadeo conseguiu 4 metais no I Torneo de Remoergómetro Concello de Ribadeo

Ribadeo, 22 de decembro de 2014. O I torneo de remoergómetro Concello de Ribadeo celebrouse o pasado sábado con un notable éxito de público. Máis de 250 persoas asistiron como público ás probas que tiveron lugar na Casa das Algas, onde o club ribadense ten a súa sede, nas que competiron as categorías minibenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e open; tanto femininas como masculinas.

Á cita acudiron máis de 100 deportistas pertencentes aos clubes asturianos de Grupo Corvera de Remo, Remeros del Navia, Club de Mar de Castropol, Remeros del Eo, Aguillolos del Eo, Occidental Astur e os galegos Clube de Remo Celeiro e o anfitrión, Club de Remo Ribadeo.

De entre o cento de deportistas que tomaron parte nas probas, catro ribadenses acabaron no podio e, na clasificación por clubes, a formación de Ribadeo acadou o terceiro posto, por detrás de Remeros del Eo e do Grupo de Remo Corvera.

Os premios foron entregados polo concelleiro de deportes de Ribadeo, Vicente Castro; o alcalde ribadense, Fernando Suárez e o vicepresidente e delegado de deportes da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; que acompañaron ao club ribadense na xornada como mostra de apoio ao mesmo.

Segundo sinala a directiva do Club de Remo Ribadeo, “estes resultados anímannos a continuar coa labor que estamos a desenvolver xa que estamos a enfrontarnos, con bos resultados, a clubes xa consagrados no panorama estatal.” Ademais, David Rivas, presidente do club, informou de que “no vindeiro ano as nenas e nenos de Ribadeo comezarán a participar en regatas que se celebren en augas tanto asturianas coma galegas.”

Exit mobile version