Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela solicitou unha revisión dos valores catastrais a través dun procedemento de valoración colectiva

Burela, 15 de decembro de 2014. O Concello solicitou na Xerencia Provincial do Catastro, en Lugo, a revisión dos valores catastrais a través dun procedemento de valoración colectiva de carácter xeral. O alcalde, José Mª González Barcia, subliñou que “todo apunta a que esa verificación, ese estudo, se realizará á baixa, facendo que o conxunto da cidadanía se vexa beneficiada”.

O rexedor comentou que “o pasado venres presentamos nas dependencias da Xerencia Provincial do Catastro en Lugo o escrito para se proceda a facer unha revisión dos valores catastrais do noso concello mediante un procedemento de valoración colectiva de carácter xeral. Deste xeito, entendemos que os valores catastrais do noso concello: solares, fincas, casas, pisos… van ir á baixa porque evidentemente é certo, e así hai que recoñecelo, a ponencia dos valores catastrais de 2006 mostraba unha situación cun valor de mercado esaxeradamente alto que hoxe, evidentemente, non se da”.

González Barcia explicou que “deste xeito, os prazos nos que se vai levar a cabo esta revisión dos valores catastrais mediante un procedemento de valoración colectiva de carácter xeral son os seguintes: durante o ano 2015 a Xerencia Provincial do Catastro procederá a facer todo o que é o traballo de campo. É dicir, verificar superficies, verificar situacións, e por suposto, fixará os valores catastrais nos pisos, solares, casas ou fincas. Xa no ano 2016, no primeiro semestre, a Xerencia do Catastro deberá elaborar a ponencia cos valores catastrais para remitir ao Concello e que sexa este quen a teña que aprobar ou suxerir modificacións. A partir de aí, no segundo semestre de 2016, se lle notificará a cada persoa interesada ou afectada, o valor catastral da súa propiedade. E nese mesmo período por parte de persoal cualificado, ben sexa do Concello debidamente preparado con anterioridade, ou ben sexa da propia Xerencia Provincial do Catastro, ou a través dunha consultaría externa, os interesados poderán formular aquelas preguntas que desexen e recabar aquela información que estimen oportuna”. E engadiu que “unha vez solucionadas as posibles alegacións que se formulen o día 1 de xaneiro do ano 2017 deberían entrar en vigor os novos valores catastrais, que todo apunta despois de manter diversas reunións co Catastro, que van baixar con respecto á situación actual”.

Os beneficios que traerá consigo esta revisión dos valores catastrais son fundamentalmente dous: “en principio, e co tipo que se vai fixar de cara ao ano que ven, que é do 0,40, que como xa dixen en varias ocasións anteriores é o tipo máis baixo de IVI que a lei permite, loxicamente pagaríase menos pola contribución urbana. E ademais, coma todo o mundo sabe, as vivendas que son vivenda habitual, teñen un gravame na declaración da renda, na declaración do IRPF, en función do valor catastral. O que quere dicir que canto máis valor teñen as vivendas habituais, máis tributamos por elas, e canto menor valor catastral teñen, evidentemente menos tributamos por elas. Por tanto, eu entendo que os valores catastrais apuntan a que van baixar, facendo que o conxunto da cidadanía se vexa así beneficiado”.

Exit mobile version