Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo felicitará o Nadal coa postal de Manuel Martínez Quelle Valcárcel

postal_gañadoraCervo, 17 de decembro de 2014.- O Concello de Cervo fixo público hoxe o nome do gañador do XV Concurso de Postais de Nadal. Manuel Martínez Quelle Valcárcel, alumno do CEIP Cervo nº1 e de 3 anos, é o autor dun deseño sinxelo e orixinal. Trátase da figura de Papá Noel sobre unha cartolina verde, coa peculiaridade de que o corpo é a estampación da man do neno impregnada en pintura branca.
  
Así, este foi o deseño elixido para as postais de Nadal coas que o Concello felicitará as festas e o novo ano ás institucións, organizacións e asociacións. Para iso, imprimíronse un total de 175 exemplares que se farán chegar por correo ordinario a estas entidades, sen esquecer un pequeno lote para que o gañador do concurso felicite o Nadal aos seus familiares e amigos. Pero ademais, o deseño utilizarase en versión dixital para enviar por correo electrónico.

A edil de Educación, Pilar Armada, destaca ademais a participación neste concurso, ao que se presentaron un total de 50 deseños “todos feitos con moito traballo e ilusión”. Armada lembra que estas postais se poden ver na Casa da Cultura, onde se atopan expostas.

Entrega de premios
A postal de Manuel foi a elixida para felicitar as festas pero, ademais, hai tres primeiros premios por categorías; na de infantil o gañador foi Iker García Casariego; na de 6 a 9 anos Mafalda Ben Otero e na de 10 a 12 anos Zaira Ben Vior. Todos eles recibirán os seus premios este venres día 19, ao remate da actuación do Grupo de Teatro Municipal “Pimpim” (19 h. Casa da Cultura) que interpretarán unha obra de Nadal. Pero non serán os únicos, xa que todos os participantes no certame tamén recibirán agasallos.   

Exit mobile version