Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo presenta os deseños das novas placas das rúas encargadas a Sargadelos

placas-sargadelosCervo, 19 de decembro de 2014- O Concello de Cervo está traballando dende o mes de setembro na renovación das placas das rúas baixo un mesmo deseño. Dende o principio o goberno local pensou na fábrica de cerámica de Sargadelos para realizar este encargo, de forma que leva case catro meses en contacto coa factoría, avanzando nos esbozos de cada unha das placas e supervisando os nomes das vías.

Xunto a estas tarefas, o Concello estivo facendo un importante traballo na rúa, contactando con todos os propietarios das vivendas nas que se van colocar as placas. Na maioría dos casos vanse instalar nos mesmos lugares que as anteriores. Pero ademais da renovación das actuais, vaise ampliar o número de placas, ben por tratarse de rúas longas que precisan máis dunha, ou ben porque hai algunhas vías que non contaban con ela.

Neste sentido cabe destacar que os donos das fachadas afectadas deron o seu consentimento para a instalación das novas láminas de Sargadelos, unha medida que tivo moi boa acollida. Unhas tarefas que no 90% dos casos se fixeron a pé de rúa, falando cos veciños, agás con aqueles propietarios que non residen nesa vivenda, contactando con eles por outros medios.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e o edil de Zona Rural, José Ramón Soto, presentaron esta mañá o modelo, en cerámica, que seguirán todas as placas, e deron detalles sobre esta actuación coa que o Concello busca cumprir varios obxectivos. Por unha banda, “dar unha identidade propia ás nosas rúas a través duns deseños únicos e traballados dende Cervo e para Cervo” asegura o rexedor.

Ademais, é moi importante “unificar a apariencia das nosas rúas utilizando un mesmo deseño, coa calidade do selo Sargadelos, que lle dea un valor engadido aos nosos núcleos e deixando plasmado que a historia de Cervo e a desta factoría van da man”. Ao mesmo tempo, este encargo é unha forma “de defender a apoiar a marca Sargadelos e apostar polo noso, especialmente nestes tempos difíciles para a factoría”.

Características
En total vanse colocar 175 novas placas nas rúas de San Ciprián, Cervo, Río Covo e Lieiro, todas elas deseñadas e elaboradas en cerámica de Sargadelos. Cada unha delas constará de catro azulexos, de 22×14 cm cada un, en tinta de cor azul cobalto, a característica da factoría, e acompañados do escudo do Concello na marxe superior esquerda. En canto aos nomes das rúas, serán os oficiais, é dicir, os que foron aprobados en pleno. De feito, tamén se fixo un importante traballo de documentación para comprobar que os actuais nomes das rúas coinciden cos ratificados nas sesións plenarias.

Nestes momentos o proxecto atópase moi avanzado, de forma que o Concello rematou as visitas polos fogares dos veciños. Así, Sargadelos está finalizando xa os esbozos que o Concello está supervisando para garantir a estrita corrección dos nomes.

Desta forma, o goberno local ten previsto que a colocación das placas comece a finais do mes de xaneiro a través dunha empresa. Aínda así, estes traballos prolongaranse no tempo xa que se trata de tarefas moi minuciosas e dun elevado volume de láminas.

Escudo
Nese mesmo encargo o Concello solicitoulle a Sargadelos a elaboración do escudo oficial para a fachada principal da casa consistorial de Cervo, xa que o anterior se atopaba deteriorado. Así, o escudo será diferente ao anterior, que era en relevo, de forma que o novo estará composto de 55 placas de azulexo de 22×16 cm cada unha e cunha dimensión total de 154×110 cm.

Exit mobile version