O alcalde focense, Javier Jorge Castiñeira, anunciou que “o Concello de Foz ven de presentar o programa Cinemas de Galicia, que en Foz concretamente chámase Cinema no Cenima, posto que será no salón de actos deste edificio, na Ribeira de Foz, onde comece este xoves ás 20.30 o programa de cine que vai a levar a cabo o Concello de Foz. Ás 20.00 horas estarán abertas as portas do Cenima e ás 20.30 horas comezará a proxección de Encallados, unha película interesante arredor da catástrofe do Prestige; e seguiremos o seguinte xoves, 18 de decembro, tamén ás 20:30 horas, con Le Week-end, que é tamén unha das películas favoritas e máis demandada polos interesados nas redes sociais do Concello de Foz. E logo, xa o 26 de decembro, faremos unha programación para os máis pequenos, que neste caso será ás 18:30 horas, tamén no salón do Cenima. Alí proxectaremos A tropa de trapo na selva do arco da vella, unha película de animación”.
O responsable municipal destacou que “con estas xornadas comezaremos neste mes de decembro co ciclo Cinema no Cenima. Unha iniciativa que vai traer cine novamente a Foz, despois dun largo tempo sen cine no noso concello, tras a desaparición dos cines Hermanos Pequenete. Por desgraza, na comarca e na Mariña soamente quedan uns cines en Ribadeo, e dende logo, ter unha oferta máis para A Mariña e para Foz, dentro da rede Cinemas de Galicia, é algo moi interesante. Por iso queremos agradecerllo á Consellería de Cultura, que financia este programa, aparte da propia recadación que poida haber pola entrada, que neste caso é a mínima esixible: tres euros para todas aquelas persoas que desexen asistir, un prezo que dende logo creo que é unha cantidade mínima para poder gozar dunha boa película, en boa compañía e nun bo salón de proxeccións. Esperamos que este xoves xa haxa moita afluencia de público e que á xente lles guste este programa de proxeccións. Por iso dende o Concello animamos a tódolos veciños a que volvan ao cine, nesta ocasión no Cenima.”