Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo organiza por cuarto ano a súa campaña de recollida de xoguetes ‘Dálle a volta ao Nadal’

volta-nadal-ribadeoRibadeo, 12 de novembro de 2014. A Concellería de Servizos Sociais e Sanidade puxo en marcha este luns, por cuarto ano consecutivo, a súa campaña de recollida de xoguetes Dálle a volta ao Nadal. Con ela intenta concienciar aos ribadenses para que doen os xoguetes que os seus nenos e nenas xa non utilizan, para entregarllos no Nadal ás familias da vila con menos recursos. A campaña de recollida estará activa ata o venres, 12 de decembro, e os interesados poderán entregar as súas doazóns nos centros educativos da vila e nos Servizos Sociais do Concello de Ribadeo.

A concelleira de Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, lembrou que “por cuarto ano consecutivo, comezamos coa campaña de recollida de xoguetes Dálle a volta ao Nadal, que xurdiu polo ano 2011 con tres valores principais. O primeiro era a reciclaxe, é dicir, que eses xoguetes que antes utilizaban os nosos fillos e fillas, acabasen agora noutras mans. O segundo, e tamén un dos valores fundamentais, foi o da solidariedade, que os nosos fillos e fillas aprendan a compartir e incluso a desfacerse dalgún xoguete querido. E en terceiro lugar, e non por elo menos importante, o factor económico. Sabemos que hai familias que non o están a pasar ben e consideramos que o xoguete é un dereito de todas as persoas e nunca un privilexio”.

A edil nacionalista resaltou que “é importante que cando nos decidamos a doar estes xoguetes, pensemos que imos poñelo noutras mans. Esas mans poderían ser as dos nosos nenos e nenas. Por tanto, pedimos por favor que os xoguetes estean en bo estado, é dicir que case sirvan para envolver. E tamén que os xoguetes que consten de pezas que veñan con todas elas, e se pode ser, que se entreguen nunha bolsa aparte con todas as pezas xuntas. Son necesarios tamén xoguetes para idades adolescentes, entre 12 e 16 anos, que son os que botamos sempre máis en falta”.

A responsable da Concellería de Servizos Sociais ribadense recordou que “a campaña empezou onte e recolleranse xoguetes ata o día 12 de decembro. Esta recollida farase nos centros de ensino da localidade coma a Gardería Infantil, o CEIP Gregorio Sanz, o Sagrado Corazón e o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo. Tamén, nos Servizos Sociais do Concello, situados no Auditorio Municipal. Pola nosa parte, queremos animar a todos a colaborar”.

Exit mobile version