Site icon Crónica3.com A Mariña

O Decreto de venda directa define medidas para protexer aos consumidores e garantir o seu dereito á información

O Decreto de venda directa de produtos agroalimentarios aprobado recentemente pola Xunta define un conxunto de medidas para garantir o dereito das persoas consumidoras á protección da súa saúde e a recibir a información necesaria sobre os alimentos que adquiren.

Esta norma define as obrigas dos titulares das explotacións agrarias que queiran acollerse a esta modalidade de venda e as condicións que deben reunir os produtos. Por iso establece unha lista dos que poden ser obxecto desta forma de venda e as cantidades máximas que se poden comercializar por explotación e ano.

Así o sinalou a directora xeral de Produción Agropecuaria, Patricia Ulloa, en resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 7ª do Parlamento. A directora explicou tamén que o decreto fai destinatarios da norma a aqueles agricultores e gandeiros que, estando a traballar como tales, optan pola venda directa dos excedentes da súa explotación. É por isto polo que se considera indispensable o feito de estaren rexistradas no correspondente Rexistro de Explotacións da Comunidade Autónoma de Galicia (REAGA).

Sobre o posible financiamento deste tipo de actividade, a directora puntualizou que o novo Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 (cofinanciado a través do FEADER) contempla medidas nas que se recolle a posibilidade de financiar accións vinculadas ao apoio da comercialización en circuítos curtos.

Por último, en relación con este mesmo tema, Patricia Ulloa indicou que a marca de calidade que ampare e identifique os produtos da horta galega é un proxecto sobre o que a Xunta leva tempo traballando, estando bastante avanzado. Engadiu que, no caso de conseguir os consensos necesarios, podería ser unha realidade en breve.

Protección fitosanitaria
En contestación a outra pregunta, a directora xeral de Produción Agropecuaria facilitou diversa información sobre as medidas que leva a cabo a Xunta en relación coa protección fitosanitaria dos montes galegos. Así, sinalou que en toda Galicia avaliase anualmente o estado fitosanitario de aproximadamente 250 parcelas, que integran a Rede de Seguimento de Danos nas masas forestais galegas.

Ademais, explicou que se ven realizando un inventario permanente de 174 parcelas de mostraxe para o estudio do gorgullo do eucalipto e que se veñen desenvolvendo diversas iniciativas para facer fronte a este defoliador, entre elas a loita biolóxica mediante a reprodución e difusión controlada de Anaphes nitens (parasito natural do gorgullo).

Patricia Ulloa indicou ademais que, na loita contra o cancro do castiñeiro no período 2013-maio de 2014, fíxose a inoculación de 18.036 castiñeiros cun tratamento sanitario específico, para o seu control e erradicación, estando previsto acadar ata finais da primavera de 2015 unhas 19.700 inoculacións.

A directora xeral tamén deu conta das accións de loita contra o nematodo do piñeiro, destacando que durante o 2015 continuarase con estes traballos, mediante a eliminación e mostraxe de árbores sintomáticos e o control do insecto vector (transmisor) desta doenza.

Exit mobile version