Site icon Crónica3.com A Mariña

O delegado do Goberno en Galicia e a DXT piden “prevención e prudencia” na estrada ante o inicio da campaña de Nadal

1A Coruña, 17 de decembro de 2014.- Dende este venres, e ata o próximo 6 de xaneiro, a Dirección Xeral de Tráfico pon en marcha un Dispositivo Especial de Medidas de regulación, ordenación e vixilancia do tráfico. Dará cobertura ao gran número de desprazamentos que se producirán durante estes días, cando se prevé que en Galicia cheguen a moverse ata 1.870.000 vehículos.

En relación a esta elevada circulación de vehículos, que supón un ascenso con respecto á campaña anterior, o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, instou esta mañá a todos os usuarios das vías, non só aos condutores, a ter sempre presentes dúas regras básicas en estrada: a prevención e a prudencia, que nos permitirán circular nas mellores condicións de seguridade. “A seguridade en estrada ten que ser un compromiso de todos”, dixo neste sentido.

O delegado do Goberno recordou que a causa principal dos sinistros en estrada continúan sendo as distraccións. As saídas de vía, as colisións por alcance e os atropelos, son os tipos de accidentes que máis se producen por distracción, sendo as distraccións máis comúns as que xeran os propios ocupantes do vehículo, os pensamentos e preocupacións persoais, a manipulación de dispositivos varios e o uso do móbil.

Recomendacións
Villanueva insistiu en que, antes de saír de viaxe nesta época, hai que tomar unha serie de medidas con vistas a evitar calquera incidencia previsible en estrada. Como é habitual nesta época do ano, as condicións meteorolóxicas de chuvia, xeo, néboa e mesmo neve, poden ser condicións adversas para a condución, polo que é imprescindible dispoñer da información adecuada para planificar correctamente as viaxes e asegurarse de que o vehículo está en perfectas condicións. Instou a extremar a precaución, sobre todo, en traxectos curtos e nocturnos. Ademais, aínda non sendo obrigatorio, recoméndase usar a luz de cruzamento durante todo o tempo de condución, mesmo de día, cando tamén se aconsella a ciclistas e peóns levar postas pezas de alta visibilidade.

Como sinalou a coordinadora da DXT en Galicia, para esta Campaña de Nadal, a DXT contará coa máxima dispoñibilidade dos seus medios materiais e humanos. As Medidas Especiais da Operación de Tráfico de Nadal que poñerá en marcha a DXT, teñen como finalidade: facilitar a mobilidade e fluidez do tráfico, así como velar pola súa Seguridade Vial, nas estradas de accesos a zonas turísticas e de montaña, así como a grandes núcleos urbanos e comerciais, onde se prevén desprazamentos masivos de vehículos; manter nas debidas condicións de seguridade a circulación nas estradas con tramos ou zonas afectadas por condicións meteorolóxicas adversas; e informar puntualmente sobre calquera incidencia en estrada a través do Servizo de Información de Tráfico.

Vixilancia e control
O xefe do sector Tráfico da Garda Civil en Galicia, sinalou que a Agrupación de Tráfico da Garda Civil en Galicia incrementará a vixilancia e control sobre o comportamento dos usuarios das vías e o estado dos vehículos e das infraestruturas. Preto dun millar de efectivos ocuparanse diso, incidindo principalmente no control de alcohol e drogas, no control de velocidade, nas distraccións, no uso de elementos de seguridade (cinto, sistemas de retención infantil e casco), estado dos vehículos (ITV, pneumáticos, iluminación e sinalización, limpaparabrisas, etc.) e estado das vías (informarase aos titulares e concesionarias, a través da Xefatura Provincial de Tráfico correspondente, das posibles deficiencias nas vías que poidan afectar á seguridade dos usuarios destas).

Alcohol e drogas
A data de hoxe, e ata o próximo domingo, mantense a campaña de control de consumo de alcohol e drogas que arrancou o pasado luns. Durante toda a semana, axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensifican nas vías galegas os controis neste sentido. Igualmente, potenciouse a colaboración cos concellos para realizar controis en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de ocio nocturno.

O delegado do Goberno recordou que o alcohol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes de circulación con vítimas mortais. A súa presenza na condución multiplica entre 2 e 15 veces os riscos de sufrir un sinistro e constitúe un factor agravante das súas consecuencias. Incidiu na importancia de concienciar sobre os perigosos binomios alcohol- condución e drogas-condución, que en moitas ocasións son sinónimas de morte.

Durante as habituais comidas propias desta época do ano, como é habitual, os axentes seguirán intensificando os controis de alcohol e drogas en todo tipo de estradas a todos os condutores co obxectivo de disuadilos de conducir cando consuman o sinalado. A prudencia debe ser sempre o primordial aliado á hora de compaxinar a condución con este tipo de reunións ou eventos.

Nestes meses nos que as festas familiares e as celebracións de empresa son algo frecuente, dende a Garda Civil de Tráfico quérese transmitir os condutores que un dos obxectivos primordiais do seu labor é procurar que ningún condutor que se vexa minguado nas súas facultades para conducir, poida facelo.

Exit mobile version