O director da galería, José Ramón Leal, explicou que elixiu Ribadeo para poñer en marcha esta iniciativa porque “é unha cidade con potencial de futuro e ten unha porta aberta ao resto de España, que é a marabillosa autovía que une a todo o norte e creo que é a entrada máis espectacular e bonita que ten Galicia agora mesmo; iso fai que a afluencia sexa cada vez maior”.
A galería de arte Terra Branca “aposta pola pintura e a cerámica. A miña irmá Mariángel Leal é pintora e expoñemos unha parte da súa colección e ela sempre foi unha fan acérrima de Otero Regal. Todo empeza aí e cando decido virme de Barcelona a vivir a Galicia a miña irmá suxíreme que vaia a ver a Regal porque é un artista impresionante e a súa obra vaiche a fascinar. E efectivamente prodúcese isto. Todo empezou cunha menina de Regal que comprou ela, gustoulle *muchísimo e, a partir de aí, a miña irmá vaise interesando cada vez máis pola obra de Regal”, engadiu José Ramón Leal.
De momento na galería Terra Branca expóñense únicamente obras de Mariángel Leal e de Otero Regal, pero no futuro abrirase a outros autores: “apetéceme moito coñecer a outros artistas galegos, que me consta que hai moitísimos, e temos a intención de expoñer unha representación da obra dalgúns artistas da zona”, avanzou o director.
O propietario de Terra Branca indica que a galería vive estes días unha semana de portas abertas “co ánimo de que todo o que queira poida entrar e así poder conversar máis tranquilamente con eles. Estou moi contento pola acolleita, porque me supuxo coñecer á xente, que a xente coñézame e gozar desta contorna cultural”.
José Ramón Leal destaca que “a idea de Terra Branca é expoñer pezas artísticas, pero ao alcance de todos os petos. O bo destes dous artistas: Otero Regal e Mariángel Leal é que abarcan un abanico moi amplo de posibilidades: si tes un compromiso e non queres gastar moito, aquí atoparás ese agasallo que precisas; si queres unha peza de autor, tamén a atopas”. E engade: “ademais facemos traballos por encargo, como murais, obsequios para os invitados a vodas, trofeos, encargos para empresas,… Isto estámolo potenciando moitísimo a través da cerámica de Otero Regal”.
A galería Terra Branca está situada no nº 8 da avenida de Galicia, en Ribadeo.