Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de psicólogas do Concello de Burela presta apoio e atención ás familias dos mariñeiros do Safrán

Burela, 1 de decembro de 2014. O equipo de psicólogas do Concello atópase prestando apoio e atención ás familias dos mariñeiros do Safrán, que se afundía a 39 millas da localidade francesa de Bayona. O alcalde, José Mª González Barcia, asegurou: “parece que o mar non nos quere deixar tranquilos, non quere que este ano remate sen mais”.

O rexedor lembrou que “onte xa contactamos coa familia de Benigno Vázquez, mariñeiro desaparecido no afundimento do Safrán, e hoxe fixémolo co resto das familias, poñémonos á súa disposición. O equipo de psicólogas do Concello burelés está coa familia de Benigno, aquí en Burela, para prestarlle apoio moral e psicolóxico. Estivemos coa familia do mariñeiro desaparecido e coa familia do caboverdiano afincado en Burela Anilton César Gómes e ao longo do día contactaremos coa familia de Carlos Moirón e tamén o faremos coa familia do tripulante da lancha que onte se afundía en Ribadeo”.

José Mª González Barcia sinalou que “o Concello ponse á súa disposición para todo o que poidamos facer desde aquí, cuestións administrativas, etc. Hai que agardar a ver si se produce algunha novidade nas vindeiras horas ou nos próximos días. Tamén contactamos coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, porque o Safrán, ten base en Celeiro, pero nel traballaba xente que vive aquí en Burela, para marcar unha liña en conxunto”.

Para o alcalde de Burela “o día de onte aínda puido ser máis tráxico do que o foi, xa é bastante traxedia o que ocorreu, pero aínda puido ser peor. A xente do mar estamos acostumados a que isto ocorra de vez en cando, por desgraza. Neste 2014 non houbera ningún incidente e parece que o mar non nos quere deixar tranquilos, non quere que este ano remate sen mais”.

Exit mobile version