Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno municipal de Riotorto apoia a ILP avalada por 42.000 firmas para solicitar a implantación de servizos pendentes no HULA

Riotorto, 19 de decembro de 2014. O goberno municipal de Riotorto apoia a iniciativa lexislativa popular avalada por 42.000 firmas, entre elas as de veciños de Riotorto, para solicitar a implantación a implantación de servizos pendentes no HULA e rexeita as emendas do PP. O alcalde, Federico Gutiérrez Estoa, considera que a conselleira de Sanidade debe dimitir e o presidente da Xunta ten que dar explicacións.

“Desde o goberno municipal de Riotorto queremos mostrar o noso apoio á iniciativa lexislativa popular inicial para solicitar a implantación de servizos pendentes no hospital de Lugo, que ía avalada por 42.000 firmas de veciños de toda a provincia, incluídas persoas de Riotorto, e tamén mostramos o noso rexeitamento ás emendas que fixo o Partido Popular e que desvirtuaron totalmente esta iniciativa lexislativa popular. Para nosoutros a posición do PP ao facer isto supón abandonar aos habitantes da provincia de Lugo, aparte dunha humillación e un desprezo. Pensamos que despois disto a conselleira de Sanidade debe dimitir e o presidente Feijoo ten que dar explicacións”, manifestou hoxe o rexedor municipal.

Federico Gutiérrez considera que “os veciños desta provincia debemos continuar na loita e demandar feitos, como a implantación dos servizos de Radioterapia, de Medicina Nuclear e de Hemodinámica as 24 horas do día, que non temos agora na provincia e que foron prometidos por Feijoo xa no ano 2011, cando se inaugurou o hospital de Lugo”.

Exit mobile version