Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP pedirá a supresión das taxas que pagan os Concellos por obras que afectan a estradas provinciais cando se tratan de actuacións sobre servizos básicos

Lugo, 29 de decembro de 2014.- O Grupo Provincial do Partido Popular pedirá no próximo pleno da Deputación que se exima aos Concellos do pago de taxas cando están a realizar actuacións relativas aos servizos de interese público e social básicos.

Así, os populares piden que se aplique esta mellora para as administracións locais nas ordenanzas reguladoras das taxas por autorizacións de obras e outros aproveitamentos situados en zonas contiguas a estradas provinciais así como por utilización privativa ou aproveitamento especial dos bens de dominio público provincial.

Dende o Grupo Provincial do Partido Popular solicitan esta modificación ao considerar que a imposición destas taxas supoñen, en ocasións, unha carga económica excesiva para as arcas municipais. Así, por exemplo, nunha condución subterránea de abastecemento de auga paralela a unha vía provincial nunha lonxitude de 4.326 metros, as taxas superan os 18.000 euros.

Neste senso, os populares argumentan que as deputacións teñen a obrigatoriedade legal de cooperar e colaborar cos concellos e esta asistencia aos municipios debe dirixirse, segundo o GPP, preferentemente ao establecemento e adecuada prestación dos servizos mínimos.

Os populares explican que a normativa establece cal é a serie de servizos legais que debe prestar o Concello e deste xeito, esta petición implica de xeito indirecto unha mellora moi positiva na economía local e particular.

Por último, o GPP lembra que no pleno de marzo de 2014 solicitaron a constitución dunha mesa de traballo dirixa a revisar estas ordenanzas fiscais reguladoras, por considerar que necesitaban unha actualización conforme ao contexto xeral e económico que afecta aos concellos e aos particulares. As ordenanzas datan do 1995 e do 1998, e o equipo de goberno rexeitou esta petición de creación dunha mesa de traballo.

Exit mobile version