Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular defende que a Xunta asuma como propia a proposta para o novo plan de xestión da sardiña elaborada polo Conselleo galego de pesca

Santiago, 2 de decembro de 2014.- O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, defendeu este marte no Pleno do Parlamento unha iniciativa dirixida a reforzar a proposta para un novo plan de xestión da sardiña elaborada e consensuada pola Comisión Sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca.

Os populares instan á Xunta a asumir como propia esta proposta, de tal xeito que sirva como documento de referencia para defendelo nas negociacións que quedan pendentes para contar cun plan definitivo. O plan debe ser consensuado co conxunto das comunidades autónomas, do Estado e no marco da negociación con Portugal e coa Unión Europea.

SUMAR FORZAS
Balseiro fixo un chamamento a sumar forzas cun acordo unánime da Cámara galega e apuntalar así a iniciativa que, segundo lembrou, foi promovida polos propios profesionais da flota do cerco, no seo do Consello Galego de Pesca, e dirixida a organizar para 2015 a xestión dunha pesquería cuxo stock non pasa pola mellor situación biolóxica posible e precisa, para garantir a súa sostibilidade, da implantación de novas medias de xestión.

O voceiro popular salienta o traballo desenvolvido, a iniciativa e impulso da Consellería do Medio Rural e do Mar, polo Consello Galego de Pesca (máximo órgano asesor do Goberno galego en materia pesqueira e no que están representadas as confrarías, organizacións de armadores e sindicatos, entre outros). Neste sentido, lembrou que tan só neste último ano mantivo ata seis reunións que tiñan como finalidade elaborar a que xa é, desde o 14 de xullo, unha proposta, consensuada e firme, de plan de xestión da sardiña.

PROPOSTA UNITARIA
Balseiro tamén explicou que as negociacións para a determinación do novo plan de xestión para a pesca da sardiña ibérica, que estará en vigor no ano próximo, adquirirán especial importancia nas próximas semanas deste mes de decembro. De aí a importancia de plasmar o apoio do Parlamento galego para que, co respaldo das distintas forzas políticas, poida configurar unha auténtica proposta unitaria de Galicia.

Por outra banda, o voceiro dos populares galegos explicou que o plan de xestión actualmente vixente non se corresponde na súa totalidade con este modelo, porque o Ministerio veuse na obriga de aprobar un documento cun carácter de temporalidade e de urxencia, para evitar que a Comisión Europea impuxera un TAC para esta especie en aguas ibéricas, o que resultaría especialmente negativo para a flota galega.

Exit mobile version