Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular defenderá no Pleno que a Xunta asuma o plan de xestión plurianual da sardiña e elabore un rexistro único sobre mortalidade do infarto agudo de miocardio

pedro-puySantiago, 1 de decembro de 2014.- O Grupo Popular defenderá no Pleno do Parlamento que se celebra este martes e o mércores que a Xunta asuma como propia a proposta de plan de xestión plurianual da sardiña elaborada polo Consello Galego de Pesca, para a súa defensa a nivel nacional e da Comunidade Europea; así como a elaboración dun rexistro único con toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio, co obxectivo de adaptar os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais nas estruturas de xestión integrada.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, trasladou en nome de todos os deputados e deputadas populares o pesar e ánimo aos familiares dos dous mariñeiros galegos que permanecen desaparecidos despois do naufraxio no Golfo de Biscaia dun pesqueiro de Celeiro, ao tempo que lamentou a morte da policía nacional en Vigo o pasado xoves, “trasladando noso abrazo solidario á familia de Vanessa Lage e tamén á Policía Nacional e aos corpos e seguridade do Estado que se xogan a vida a cotío por defender os dereitos e liberdades do conxunto dos galegos”.

Ademais, Puy lamentou e trasladou o pésame aos seus familiares e a todos os deportivistas e afeccionados ao fútbol polo incidente que levou á morte onte a un seguidor do Deportivo de A Coruña en Madrid. “O fundamental é erradicar calquera forma de violencia, tamén no deporte, e avogar porque as forzas da orde, a xustiza, os clubs de fútbol e os socios adopten todas as medidas necesarias para que estas situacións non se volvan a repetir no noso país”, indicou.

Respecto da sesión plenaria, o portavoz popular informou que inclúe a comparecencia da conselleira de Traballo e Benestar para informar dos mecanismos de control sobre as axudas destinadas aos cursos de formación.

PLAN DA SARDIÑA E REXISTRO MORTALIDADE
O Grupo Popular defenderá no Pleno dúas proposicións non de lei. A primeira delas para que a Xunta de Galicia asuma como propia a proposta do Plan de Xestión Integral da Sardiña, elaborado e aprobada polo Consello Galego de Pesca. “O obxectivo é que este documento sexa a referencia ou base para a defensa diante do conxunto das comunidades autónomas, do Estado e da Unión Europea dos intereses da flota galega, tendo presente a dependencia e importancia socioeconómica que teñen numerosas vilas costeiras en Galicia deste sector, de xeito que se poda avanzar nun modelo que permita evitar a perda de unidades e facer sostible o actual stock da sardiña”, apuntou Pedro Puy.

A segunda proposición non de lei vai dirixida á creación dun rexistro único que recolla toda a información sobre morbi-mortalidade en relación co infarto agudo de miocardio en Galicia. “O que se pretende é que os datos reflectidos neste rexistro único sexan tidos en conta á hora de adaptar os recursos humanos e materiais ás necesidades asistenciais no marco das estruturas de xestión integrada”, explicou o portavoz popular, quen engadiu que “será un instrumento válido para a planificación dos recursos materiais e humanos no entorno da prevención do falecemento por infartos agudos de miocardio”.

Para rematar, Puy referiuse ás preguntas que o Grupo Popular formulará ao Goberno galego en relación á primeira fase do libro dixital, dado que xa temos este ano a experiencia en 80 centros; así como pola situación e impulso á Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, localizada no municipio ourensá de Leiro.

Exit mobile version