Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Popular incorpora ós orzamentos da Xunta para 2015 novos apoios ás Federacións galega e provincial de confrarías

Santiago, 9 de decembro de 2014.- O Grupo Parlamentario Popular incorporou cinco emendas aos ditame do proxecto de orzamentos da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2015 que, en opinión dos populares, “melloran e complementan a previsión de gastos”.

Entre elas, o deputado do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro, salientou a dirixida a destinar 154.000 euros para asinar diversos convenios de apoio ao funcionamento da federación galega e das federacións provinciais de confrarías de pecadores.

Os populares buscan frear a posible perda de competitividade que puideran sufrir estas entidades profesionais por mor da crise e blindar un mellor funcionamento dos servizos que estas mesmas prestan aos distintos pósitos. Balseiro defende que as federacións de confrarías “poden e deben ser o vehículo axeitado para as tarefas de consulta da administración, posto que dispoñen de acceso á información xeral e ás necesidades de todas e cada unha das confrarías e un maior coñecemento á hora de definir actuacións de xestión e ordenación do sector marítimo-pesqueiro”.

SOFOR E XENÉTICA FORESTAL
Os populares tamén defenderon unha emenda dirixida a impulsar unha liña específica de axudas á posta en marcha das SOFOR (as sociedades de fomento forestal) que suporán, en opinión de Balseiro, “un paso adiante na xestión forestal galega, sometida a un forte minifundismo que pretendemos superar”.

Balseiro explicou que en breve espazo de tempo botarán a andar este tipo de sociedades e precisarase dun acompañamento da súa etapa inicial, tanto no propio funcionamento interno como na relación coa administración. “O estímulo da súa posta en marcha mediante axudas deberá seguir ata que os resultados destas primeiras iniciativas sirvan de exemplo para as restante”, defendeu.

Continuando no ámbito dos montes, os populares defenderon reorientar 30.000 euros para investimentos na mellora xenética forestal. Neste aspecto, Balseiro defendeu que conseguir “máis e mellores plantacións e un maior rendemento debe ser unha vía para favorecer o aproveitamento do monte, pero tamén como ferramenta de disuasión ante os lumes forestais”.

Finalmente, os populares incluíron dúas emendas técnicas. Unha primeira destinada a corrixir un erro material nas axudas para montes en man común: onde figuraba só o concello lucense de As Nogais deben figurar a porcentaxe que recibirán neste concepto os distintos concellos da montaña lucense. E outra dirixida ao programa de mellora xenética do frisón de Galicia, que aparecía como transferencia de capital cando debería ser unha transferencia corrente.

FONDO EUROPEO MARÍTIMO E DA PESCA
Balseiro volveu a insistir na súa defensa ás contas da Consellería do Medio Rural e do Mar para 2015 e, en concreto, quixo felicitar e poñer en valor a xestión da conselleira Rosa Quintana e do Ministerio tras confirmarse que Galicia recibirá máis da metade das axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, máis de 371 millóns de euros que se sumarán aos recursos da Consellería

Tamén, e por coherencia coa defensa pechada dos orzamentos para o ano próximo, desde o Grupo Popular rexeitaron ás emendas formuladas pola oposición que, segundo explicou Balseiro, “están caracterizadas pola súa falta de rigor e seriedade”, ata o punto de que “non foron capaces de explicar como as forzas da oposición votan uns a favor dos outros cando, como exemplificou, moitas emendas colisionan e restan recursos nas mesmas partidas que outros pretenden aumentar”.

Exit mobile version