Site icon Crónica3.com A Mariña

O Nadal Cultural organizado pola Área de Cultura da Deputación ofrecerá actividades para todos os públicos

pres-ndal-culturalLugo, 12 de decembro de 2014. O responsable de Cultura e Turismo, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este venres o Nadal Cultural, un programa que encherá de múltiples e variadas actividades as vacacións para os máis pequenos da casa, aínda que tamén haberá propostas para todos os públicos. Ao acto de presentación achegouse tamén o Apalpador, que baixou a propósito dende as montañas para anunciar a súa visita nas vindeiras festas natalicias.

Mario Outeiro remarcou que a Área de Cultura volve ofrecer “unha intensa programación cultural pensada para todos os públicos e, por suposto, aberta e gratuíta para quen estea interesado nela”, sinalou. O responsable provincial desgranou o programa, que se podería dividir en tres grandes bloques. “Por quinto ano consecutivo, volve incluír os Cantos de Nadal, no que as panxoliñas interpretadas por once corais locais inundarán de música as rúas e prazas da cidade de Lugo”, sinalou.

Outra das grandes iniciativas é o Nadal Miúdo. “O Nadal estará presente na programación par ao público infantil, cos obradoiros ‘Fabricando o Nadal’, que se desenvolverán os luns 22 e 29 de decembro de 10:30 a 13 horas no sala de exposicións do Pazo de San Marcos. Así mesmo, teremos a visita do Apalpador polas rúas de Lugo, que se levará a cabo o mércores 24 pola tarde e o espectáculo ‘O Crebanoces’ de Larraitz Urruzola, dirixido a un público infantil e familiar, que se desenvolverá o venres 2 de xaneiro ás 17:30 horas”, explicou.

Finalmente, Outeiro indicou que “tamén haberá unha serie de actividades dirixidas a todos os públicos, xa que o venres 2 de xaneiro teremos no Refectorio do Museo Provincial o concerto ‘O Nadal é conto’, de Celso F. Sanmartín, e o mércores 7 de xaneiro pecharase o programa co concerto no Pazo de San Marcos de ‘Talabarte’”, concluíu.

O Apalpador reivindicou a súa figura

Pola súa banda, O Apalpador reivindicou a súa figura diante das exportadas dende fóra. “Non fai falta que os nenos da provincia de Lugo e de Galiza recorran a Papá Noel e aos Reis Magos, que teñen que vir dende moi lonxe. Aquí ao carón estou eu para cumprir cos seus desexos e comprobar que están ben alimentados despois da cea de Noiteboa”.

NADAL CULTURAL 2014

CANTOS DE NADAL
Outro ano máis, e van cinco, as panxoliñas interpretadas polas Corais de Lugo inundarán as rúas da cidade durante o Nadal, desde a Praza do Campo até a Rúa da Raíña, pasando polo fondo da Praza Maior, a Rúa San Marcos ou a Praza de Santo Domingo. Así, Lugo será un ano máis o mellor escenario para gozarmos do bo facer duns Grupo Corais, en total once, que van colaborar para que estas datas sexan un pouco máis entrañábeis.

LUNS 22
Coral Polifónica Xolda

Comezan ás 18 horas na Praza de San Marcos – Rúa da Raíña – Praza Maior.

Orfeón Xoán Montes

Comezan ás 19.00 horas na Praza de San Marcos – Rúa da Raíña – Praza Maior.

Coral Amigos do Camiño de Santiago

Comezan ás 20 horas na Rúa da Raíña – Praza Maior – Praza do Campo.

MARTES 23
Coral Novo Amencer

Comezan ás 12.30 horas na Praza de San Marcos – Praza de Santo Domingo – Rúa da Raíña – Praza Maior.

VENRES 26
Coro Ecos do Miño – ASTELU

Comezan ás 18 horas na Praza de San Marcos – Rúa da Raíña – Praza Maior.

Schola Gregoriana

Comezan ás 19 horas na Praza de San Marcos – Rúa da Raíña – Praza Maior.

LUNS 29
Cantar Delas

Comezan ás 18.00 horas na Praza de San Marcos – Rúa da Raíña – Praza Maior.

Coral Hospital Xeral – Calde

Comezan ás 20.00 horas na Rúa da Raíña – Praza Maior – Praza do Campo.

MARTES 30
Coro de San Antonio

Comezan ás 12.30 na Praza de San Marcos – Praza de Santo Domingo – Rúa da Raíña- Praza Maior.

Conxunto Vocal Lugh
Comezan ás 20 horas na Rúa da Raíña – Praza Maior – Praza do Campo.

Orfeón Lucense
Comezan ás 20 horas na Praza Maior – Praza do Campo – Rúa da Raíña.

NADAL MIÚDO
LUNS 22 e LUNS 29 de decembro de 10.30 a 13.00 horas.

“Fabricando o Nadal” con Revolta Natural (Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos) (Obradoiros para nenas e nenos de 6 a 12 anos).

A través da elaboración de sinxelos xogos e xoguetes tradicionais, as e os miúdos van aprender o valor da ilusión fronte o consumismo tan común nestas datas. O número de prazas para cada obradoiro é de 30 e cubriranse por estrita orde de inscrición tendo como prazo límite para anotarse o venres anterior a cada obradoiro. Por cada obradoiro reservaranse dúas prazas para persoas con diversidade funcional.

Inscrición en www.revoltanatural.org | Teléfono de contacto: 600 034 907

MÉRCORES 24 de decembro ás 17:00 horas.
“O Apalpador polas rúas de Lugo”

Nas vésperas da Noiteboa, o Apalpador baixará das montañas do Courel, para percorrer as rúas de Lugo na procura de nenas e nenos aos que sorprenderá, acompañado do seu axudante e do seu burro fariñeiro, nunha tarde na que non faltará a música pois estarán acompañados polo grupo “A quinta do lobo”.

VENRES 2 DE XANEIRO ás 17:30 h. (Público infantil e familiar)
“O Crebanoces” con Larraitz Urruzola (Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos)

Na noite de Nadal o padriño regálalle á pequena Clara un crebanoces con forma de boneco. De tanto partir noces, o boneco acaba rompendo, e Clara desgústase moito. Para consolala o padriño contaralle a historia do boneco Crebanoces, xa que o Crebanoces na realidade é un valente personaxe que loitou co seu exército de xoguetes contra a raíña dos ratos. Espectáculo de monicreques de mesa, con manipulación mixta, e narración cara ao público, inspirado no conto de Hoffman. Dirixido a un público familiar, o espectáculo acompáñase da música de Tchaikowsky.

…e moito máis para gozar da cultura…

VENRES 2 DE XANEIRO ás 20.30 horas.
“O Nadal é Conto” con Celso F. Sanmartín” Refectorio do Museo (Para todos os públicos).

Recoller os contos e as historias da memoria da xente máis maior, dá unha perspectiva da vida como de goma elástica: lonxana e próxima a un tempo, emotiva, chea de forza, subxectiva, pero tamén obxectiva en canto á parte material da vida. O Nadal de antes, non é como o de agora. O Nadal é conto, igual que a vida é conto, porque se conta

MÉRCORES 7 DE XANEIRO ás 20.30 horas.
Concerto Sala de Exposición do Pazo de San Marcos (Para todos os públicos)

“Talabarte”
Un novo concepto de formación, estritamente acústico e baseado na música tradicional. Neste proxecto únense tres músicos indispensables dentro da escea musical galega o violino de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García. Xuntos propoñen unha viaxe a través das músicas populares de Galicia e de outras latitudes. O repertorio complétase con composicións propias. Todo isto aliñado con distintos enfoques estéticos que van desde a linguaxe do jazz pasando polo tango ata a tradición musical europea.

Exit mobile version