Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG destaca que “o paro sobe na Mariña moi por riba da media galega e provincial acumulando 3 meses consecutivos de subida”

A Mariña, 2 de decembro de 2014. O BNG da Mariña analizou os datos publicados pola Consellaría de Traballo e Benestar, á que cualificaron de consellaría do paro por ser incapaz de corrixir as tendencias que a propia estacionalidade non efectúa. Os datos de emprego na comarca acumulan tres meses consecutivos de subida situando a comarca con incrementos porcentuais moi por riba da media galega e tamén do conxunto da provincia. A formación nacionalista insiste en reclamar un plan de emprego específico para a comarca que afronte a situación desesperada na que se atopan moitas familias e enfoque o alto grao de desemprego do sector feminino, as persoas maiores de 25 anos e o sector servizos, os mais afectados polo paro.

A comarca da Mariña acumula o terceiro mes consecutivo de incremento do desemprego, volvendo a superar as 5000 persoas desempregadas ate chegar ás 5.113, cousa que non sucedía desde o pasado mes de xuño, cun incremento en relación a ese mes do 19%. A comarca incrementa o número de persoas desempregadas mais de dous puntos por riba da media da provincia e 5,8 puntos porcentuais por riba da media galega. En relación aos datos do conxunto da provincia onde sobe en 974 o número de persoas desempregadas en relación a outubro, das que 320 son da comarca mariñá, case un 33% do total, na súa maioría mulleres, maiores de 25 anos e do sector servizos.

Para a responsábel comarcal do BNG, Ana Ermida Igrexas, A Consellaría de Traballo debera chamarse a consellería do paro por ser incapaz de evitar as tendencias mais alá de pequenas melloras derivadas de situacións temporais como son os contratos no sector servizos na tempada de verán. Para Ermida “non temos unha conselleira de emprego, temos unha conselleira do paro mais preocupada por tapar tramas organizadas nos cursos de formación como a operación Zeta que a combater o desemprego”.

A formación nacionalista mariñá segue reclamando un plan de emprego específico para a comarca que afronte realidades concretas con solucións concretas para os sectores sociais mais agredidos polo desemprego. Lembran que na Mariña o goteo constante de empresas con EREs de extinción de contrato non cesan, poñen os exemplos de Cerámicas de Sargadelos, Gres Burela, ECAR, Mobles Hermida, incontables no sector da construción, ou agora a antiga ECESA por nomear algunhas.

Exit mobile version