Site icon Crónica3.com A Mariña

O Partido Popular “tumba” no Senado a proposta socialista para garantir o futuro de Alcoa

Madrid, 17 de decembro de 2014.- O Partido Popular votou en contra da moción presentada polo Grupo Parlamentario Socialista e defendida esta mañá por Ricardo Varela no Senado para garantir o futuro de Alcoa. Deste xeito, demóstrase, tal e como critica o senador lucense, que os representantes do PP na Cámara Alta “renuncian explicitamente” a levar a cabo calquera iniciativa que vaia encamiñada a esixir ao Goberno a continuidade desta factoría, así como o mantemento dos postos de traballo que xera na actualidade.

“Temos que lamentar profundamente que o PP tumbase a nosa proposta. O que pediamos era unha solución inmediata para as plantas ameazadas de peche e unha solución de futuro para dar estabilidade a todo o grupo Alcoa, e que permita novos investimentos para a súa modernización e competitividade. Claramente, o Partido Popular ensañouse, unha vez máis, cos traballadores deste país e demostra ter unha vontade política nula para incentivar o emprego”, subraia.

A poxa, “unha ruleta rusa”
E é que a alternativa da poxa que plantexa o Goberno, destaca o socialista, é “unha ruleta rusa anual que un ano ou outro dará un tiro mortal á factoría se non se cambia o método de abaratamento dos custes enerxéticos”. Proba delo, lembra, é que Alcoa trala primeira venda de incentivos de interrompibilidade non acadou os correspondentes aos dous paquetes de 90 Mw e os oito de 5 Mw, necesarios para manter as axudas recibidas o pasado ano, e reducir así o custo enerxético ata alcanzar cifras competitivas no mercado internacional. “Foi, precisamente, por este motivo, polo que plantexou un expediente de despido nas instalacións de A Coruña e de Avilés.

“Non se trata de reclamar un trato de favor para a empresa, senón de aceptar unhas condicións semellantes ás do ano pasado, permitindo a viabilidade destas fábricas”, engade.

Ofensiva do PSOE
A moción defendida por Varela resposta á ofensiva iniciada polo Partido Socialista a principios de decembro, a través do rexistro de numerosas iniciativas no Parlamento de Galicia, no Congreso e no Senado para denunciar a situación pola que atravesan as grandes empresas consumidoras de enerxía. Precisamente, esta mesma tarde debaterase a iniciativa presentada na Cámara galega.

E é que entre outras medidas, os deputados promoveron a comparecencia do ministro Soria, pediron explicacións ao Goberno sobre o prezo ao que a Rede Eléctrica Española adxudicou o servizo de interrompibilidade a cada unha das empresas que participou na poxa celebrada o pasado mes de novembro e, a semana pasada, a deputada Margarita Pérez Herraiz, conxuntamente cos outros deputados galegos, tamén rexistrou unha Proposición non de Lei, instando ao Executivo a establecer unha fórmula para que as factorías con alto consumo de enerxía poidan acceder ao mercado en condicións razoables e que estean en relación coas doutros países da Unión Europea.

Asimesmo, o xoves da semana pasada, a executiva provincial, que dirixe Juan Carlos González Santín, tamén aprobou por unanimidade unha resolución política, na que os socialistas reafirmaron os compromisos cos traballadores de Alcoa. Neste senso, no documento, que xa foi trasladado este mesmo día aos integrantes do Comité de Empresa e ás administracións do Estado e da Xunta, a executiva pedía aos dous Gobernos un marco regulatorio estable no custo da electricidade que garanta a continuidade da factoría, así como o mantemento da produción e dos postos de traballo desta empresa tan relevante para a Mariña e para Galicia. Noutra orde de asuntos, tamén solicitaban a estas dúas administracións que plantexen unha reindustrialización e se impliquen coa Mariña para incentivar a creación de emprego na comarca, pois ambas as dúas teñen as competencias, teñen as responsabilidades e os mecanismos para facer fronte a un plan que implique a varias consellarías e ministerios que garanta a continuidade da factoría.

Exit mobile version