Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pazo das Musas: 10 anos de inspiración cultural

A revista oral O PAZO DAS MUSAS, que se veu desenvolvendo puntualmente cada trimestre desde decembro de 2004 no refectorio do MPLugo, está de aniversario e quere celebralo contigo que, seguramente, asistiches ou participaches nalgún dos seus 37 números.

Son 10 anos de música e literatura, de historia e cine, teatro e maxia, de memoria e inspiración cultural, grazas á colaboración de arredor de 350 persoas, grupos e colectivos que ao vivo foron contribuíndo a encher de vida 37 números e sesenta e moitas horas de oralidade.

É moi longa a nómina de colaboradores e moitos os agradecementos a repartir, para que este proxecto colectivo e colaborativo chegase ata os 10 anos de vida. Números monográficos, cadeas de creación, formas expresivas convencionais e non tan convencionais, proxeccións e exposicións efémeras, o culto e o popular, o requintado e o natural.

Grazas á colaboración da Fundación TIC, que gravou practicamente todos os números da revista, dispoñemos dun arquivo de imaxe inestimable que nos vai permitir ofrecer neste número unha homenaxe á xente que fixo posible este milagre, sempre co apoio do Museo Provincial de Lugo e da Rede Museística, das persoas que traballan día a día a prol da cultura nestas institucións públicas, e da área de Cultura da Deputación de Lugo que sempre favoreceu a circulación libre nesta encrucillada pola que transitaron, tamén libres, os camiños da creación neste decenio.

Para agradecer tanta xenerosidade, este xoves, 18 de decembro, ás 20:00 horas, proxectaremos un documental retrospectivo no que recuperamos rostros, nomes e anacos breves das moitas función que tivemos a sorte de presenciar e gozar en todo este tempo.

Intervirá como narradora ao vivo, Tareixa Campo, e participarán en representación das institucións responsables a xerente da Rede Museística, Encarna Lago, e o deputado delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro.

Exit mobile version