Site icon Crónica3.com A Mariña

O Presidente comparece por 2ª vez en menos dunha semana, “nun exercicio de transparencia sen precedentes no país”

pleno-extraordinarioO Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, compareceu por segunda vez en menos dunha semana no pleno da Deputación para informar á Corporación Provincial sobre actuacións xudiciais, “nun exercicio de transparencia sen precedentes nas administracións do país. Por exemplo, ninguén compareceu na Xunta tras os rexistros do 22 de setembro na Consellería de Traballo e no Instituto Galego de Consumo. Eu fíxeno por vontade propia o pasado martes no Pleno, detallando toda a información da que dispón a Deputación sobre actuacións xudiciais, e hoxe nesta sesión plenaria extraordinaria”, destacou Besteiro.

O Presidente díxolle á voceira do PP: “vostede establece unha serie de opinións, unha seria de conclusións, que quere que lle confirme. Pero hai tres cuestións en todas as preguntas: a xestión da confianza; a xestión do Km0, que é pública e notoria e, que non sexa capaz de seguirlle a pista di moito de vostede; e a comisión de investigación que plantexaba no Pleno de abril do 2013. O que se verteu nesa sesión plenaria pode velo na acta dese Pleno”.

Sobre a xestión da confianza, o titular provincial reiterou a “total confianza en todos os traballadores desta casa, ata que alguén me demostre o contrario. Mais esta confianza non inflúe nos meus comportamentos da res publicas, pero vexo que lle parece mal, porque vostede parece que non a ten esa confianza en todos os funcionarios, e debe tela, porque iso é garantía política e institucional de que as cousas funcionen ben. Esta confianza vouna ter ata que alguén me demostre o contrario”.

“Sobre a xestión do Km0. A Deputación de Lugo é unha das administracións en todo o país que maior eficacia e eficiencia está a demostrar na xestión e execución de proxectos cofinanciados pola Unión Europea, tal e como foi manifestado, en reiteradas ocasións, polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. A xestión dos nosos proxectos comunitarios está sometida a todos e cada un dos rigorosos controis esixidos pola Unión Europea. Deste xeito, o programa Lug02, no que se inclúe Km0, superou con sobresaínte máis de 10 certificacións e verificacións, así como máis de 3 auditorías in situ; feito que conlevou ao pagamento, por parte do Ministerio de Facenda, do 100% da axuda comunitaria recibida. É máis, o Ministerio premiou a nosa impecable xestión, incrementando a taxa de confinanciamento comunitaria do 70% ao 80%, e concedéndonos máis fondos da UE”.

Gómez Besteiro engadiu que “eu non lle vou explicar o que é o anticipo de caixa fixa, pero o que si que lle vou dicir é que eu non o inventei, pero está regulado e controlado por esta institución, polas partes que lle corresponde, que é a Intervención, e creo que aí, aínda que podo estar equivocado, esta todo medido ó milímetro”.

A segunda comparecencia de Gómez Besteiro tivo lugar na sesión plenaria extraordinaria que convocou para hoxe o Presidente, respondendo coa máxima axilidade á petición do venres que fixo o Partido Popular. Deste xeito, a sesión aprobou por unanimidade a seguinte proposta do PP: “instar ao Presidente a dar resposta ás preguntas formuladas polos grupos políticos da Corporación Provincial en relación con investigacións xudiciais”.

“Carnicería mediática”
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, salientou que “saíulles mal o pleno do martes. Vostedes pretendían facer unha auténtica carnicería mediática, pero nin iso souberon facer. Estaban descolocados. Primeiro, porque se lles adiantaron. Non contaba que o Presidente solicitase a súa comparecencia voluntaria para dar conta á Corporación Provincial da actuación xudicial do Xulgado número 1. E segundo, non contaban que o Presidente detallase, punto por punto, o acontecido o venres 21 de novembro, respondendo, deste xeito, ao que vostedes pedían. É máis, o Presidente, non porque estivese obrigado, senón nun exercicio de transparencia, informou sobre outras actuacións xudiciais ás que vostedes facían mención na súa moción de urxencia. En definitiva, o martes fixérono mal e agora tratan de arranxar esta torpeza para conseguir a súa ansiada carnicería mediática. O seu único propósito”.

“¿Están vostedes detrás de todo isto?”
“Tiveron comparecencia, ou acaso non lles serviu porque foi a voluntade propia do Presidente e non porque o pedise o PP? Se querían facer máis preguntas, só tiñan que presentalas ao Pleno, para iso hai un punto de rogos e preguntas. Pero demostraron descoñecer o Regulamento Orgánico da Deputación, ao que vostedes votaron a favor. Tamén se lles facilitou toda a información da que dispón a Deputación de Lugo sobre esta actuación xudicial. Que máis queren? Que buscan? Acaso teñen vostedes máis información da que dispón a Deputación de Lugo? Ou acoso están vostedes detrás de todo isto? Expliquen vostedes porque días antes da actuación xudicial, concretamente o 19 de novembro, rexistraron varias preguntas para o Pleno, solicitando información sobre a relación da Deputación con varias empresas que, casualmente, son as mesmas que, segundo apuntan os medios de comunicación, presuntamente está a investigar a xustiza”, remarcou Martínez.

“A mesma dilixencia para todos”
“Deixen a dobre vara de medir e teñan a mesma dilixencia cos seus compañeiros de partido. Comecen pola Xunta de Feijóo. Teñen moitas explicacións que dar: operación Zeta, operación Bebé ou carretexo de votos. Non teñen vergoña. Están desesperados por tapar as súas miserias e xa nos saben que facer, se pedir comparecencias, máis explicacións…Son capaces do que sexa”. Neste senso, Martínez apuntou que “tras cinco anos e archivada a causa, seguimos agardando a que o Partido Popular pida desculpas a Lara Méndez, para quen pediu medida cautelares”.

Exit mobile version