A moción foi presentada este mércores no Senado polo senador socialista por Lugo, Ricardo Varela, xunto cos senadores socialistas Losada e Álvarez Areces, quen compareceron ante os medios de comunicación.
Os senadores socialistas recordaron que, trala primeira poxa de incentivos de interrumpibilidade, Alcoa non conseguiu os correspondentes aos dous paquetes de 90 Mw e os oito de 5Mw, necesarios para manter as axudas recibidas o ano pasado, e reducir así o custo enerxético ata alcanzar cifras competitivas no mercado internacional. A raíz dos resultados desta primeira poxa, Alcoa suscitou un expediente de despedimento nas fábricas de Avilés e A Coruña, que afectaría a 814 empregados e, de forma indirecta, a 1.500 traballadores.
O senador Varela reclamou “unha solución inmediata para acabar coa incerteza enerxética que ameaza o futuro de Alcoa”, e subliñou que a segunda poxa de interrumpibilidade debe deseñarse de maneira que permita a esta empresa poder obter os lotes enerxéticos de 90Mw necesarios para que as súas fábricas en Avilés e A Coruña sigan sendo competitivas. Neste punto, os senadores socialistas puntualizaron que non se trata de reclamar un trato de favor para a empresa senón de aceptar unhas condicións similares ás do ano pasado, permitindo a viabilidade destas fábricas, con total cumprimento da normativa aplicable, desde o punto de vista regulatorio e do da competencia?.
Ricardo Varela apuntou que, unha vez conseguido este obxectivo, débense buscar, de forma consensuada, fórmulas que permitan unha estabilidade no custo da enerxía das empresas consideradas como grandes consumidores, para facilitar a planificación dos investimentos e mellóraa tecnolóxica das súas instalacións.
Para rematar, os socialistas piden ao Goberno que tome as medidas oportunas para que se permita e se facilite a competitividade do sector industrial no seu conxunto, e da industria electrointensiva en particular. Ao seu xuízo, o actual sistema de poxa ten un gran risco de ameazar a súa posición competitiva, xa que está deseñado para minimizar a retribución pola prestación do servizo, pero dificulta e impide unha verdadeira planificación, o que unido á volatilidade dos prezos, imputa á industria uns custos do sistema máis caros que no resto de Europa, e trasládalles cargas que non proveñen estritamente do custo da xeración de enerxía eléctrica, polo que procede adoptar outras medidas similares á doutros países, con pleno respecto á normativa de competencia europea.