Xunto ao subdelegado e o alcalde, no encontro desta mañá estiveron tamén representantes da Garda Civil, o Subsector de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local.
SITUACIÓN DELINCUENCIAL
Segundo os datos de denuncias formuladas no que vai deste ano, a delincuencia rexistrou un lixeiro descenso en Burela con respecto ao mesmo período do ano anterior, sendo especialmente reseñable a baixada dos delitos contra as persoas. Mantense deste xeito a tendencia á baixa nos delitos, que se iniciaba o ano pasado logo dun lixeiro repunte en 2012.
Os membros da xunta de seguridade coincidiron ademais en valorar o alto grao de eficacia acadada na resolución e esclarecemento das infraccións penais denunciadas en Burela, o que resposta en boa medida, e segundo considerou o subdelegado do Goberno, ao “traballo conxunto e a estreita cooperación” entre os efectivos da Garda Civil e da Policía Local no municipio. Neste sentido lembraron ademais destacadas actuacións levadas a cabo de xeito recente polos axentes na Mariña, como foi a detención e imputación dun mozo como autor dunha vintena de roubos en comercios e establecementos hosteleiros na franxa de Ribadeo a Burela.
CHARLAS A COLECTIVOS VULNERABLES
O subdelegado do Goberno informou tamén na xuntanza desta mañá sobre o traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con algúns dos colectivos especialmente vulnerables, como é o caso dos maiores e os nenos. Neste sentido, Ramón Carballo referiuse ao Plan Maior de Seguridade posto en marcha a nivel nacional polo Ministerio do Interior para previr e mellorar a seguridade das persoas maiores. Entre as medidas impulsadas no marco deste plan salientan as charlas informativas impartidas por efectivos dos corpos policiais, nas que se informa aos maiores sobre os riscos que constitúen una maior ameaza para a súa seguridade.
Do mesmo xeito, referiuse ao Plan director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas. A Secretaría de Estado de Seguridade puxo en marcha esta iniciativa en setembro de 2013 co obxecto principal de informar ao alumnado, o profesorado e as Anpas, mediante a celebración de charlas e exhibicións nos propios centros de ensino, sobre temas como o acoso escolar, o consumo de drogas e alcohol, a violencia de xénero ou os riscos do uso inaxeitado de internet e as redes sociais.
Ao longo do curso pasado, os axentes impartiron 2 charlas no CEIP Virxe do Carme e 5 no IES Perdouro, en Burela. No conxunto da provincia, ao redor de 100 centros e 10.000 alumnos beneficiáronse xa deste plan director dende a súa posta en marcha.
Os centros ou asociacións interesadas poden solicitar a realización de calquera deste tipo de charlas informativas.