Site icon Crónica3.com A Mariña

O venres, terceira proxección da AVV O Tesón sobre concienciación social

O pasado venres 28 de novembro tivo lugar a segunda proxección do ciclo de documentais, ‘Los amos del mundo’, na Casa do Mar de Ribadeo. De igual xeito que a primeira semana, foi precedida da entrega dun texto para poñerse en situación e seguida dun intenso coloquio entre os asistentes sobre a distribución actual do poder. Como mostra, unha pregunta que quedou no aire: sería posible hoxe desenvolver e ver o documental na televisión pública española?.

Seguindo co ciclo, o venres 12 de decembro terá lugar a proxección de “Homo tóxicus”, documental que versa sobre as variacións que, producidas pola humanidade, están a cambiar as condicións de vida da propia humanidade e mesmo da súa pervivencia. A duración, 1h 30 min, fai del con diferenza o máis longo dos documentais proxectados por O Tesón este outono.

Como no resto do ciclo, o documental será presentado, visualizado e logo, discutido. O acto, de asistencia gratuíta, comezará ás 20.00 horas no salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo.

O ciclo será rematado o día 19 cun documental sobre a mina de Corcoesto, como un caso de estudo algo máis lonxe sobre o que proxectar a problemática á que se enfrontan os veciños lagos de Salave e o seu entorno.

Exit mobile version