Site icon Crónica3.com A Mariña

Os alcaldes socialistas da Mariña denuncian “o xogo sucio” co que o PP modificou a ILP do HULA, e piden a dimisión de Balseiro e Martínez-Sierra

A MARIÑA, 22 DE DECEMBRO DE 2014.- Os alcaldes socialistas da Mariña –A Pontenova (Darío Campos), O Valadouro (Edmundo Maseda) e Viveiro (María Loureiro)- denuncian “o xogo sucio” co que o PP modificou ILP do HULA, pois “o único que pretenden é impedir que o Hospital da provincia dispoña de Hemodinámica as 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear”. Por este motivo, piden a dimisión dos deputados autonómicos da comarca –José Manuel Balseiro e Vidal Martínez-Sierra-, xa que “co seu voto avalaron unhas emendas que corrompen a orixe da Iniciativa Lexislativa Popular”.

Neste senso, acusan ao Goberno galego de “poñer en xogo” a saúde dos lucenses, pero tamén a dos mariñanos, pois, concretamente, neste comarca a Consellería tamén anunciou que o servizo de quimioterapia ía estar antes de finais de ano e, a día de hoxe, “aínda no fixo nada”, indican.

Neste caso concreto, ademais, subliñan, “aínda non nos concretaron con cantos oncólogos imos contar, así como se se van tratar todos os tipos de cancro porque, dependendo duns e outros, non nos van a evitar desprazamentos a Coruña ou a Santiago. Claro está, que se o HULA dispuxese destes servizos, o traxecto seríanos máis curto”. Por tanto, engaden, “estas preguntas que dende o PSOE non facemos deberían de ter resposta antes de facer estes anuncios, pois detrás deles hai unha clara intención de enganar aos mariñáns unha vez máis, porque a sanidade pública aos Gobernos do PP non lles interesa, xa que foron eles os que decidiron desmantelar e privar de autonomía ó noso hospital”, subraian.

Para os socialistas, “a carteira de prestacións públicas do Hospital non se amplía infradotando distintos servizos, senón cumprindo os compromisos”. E é que o hospital oncolóxico de día “lévano anunciando dende que se aprobou a área de xestión integrada, pero a realidade é que cada día uns 100 mariñáns viaxan periodicamente a Lugo para recibir tratamentos de quimioterapia ou ata a Coruña se precisan tamén radioterapia”.

A responsabilidade dos deputados do PP
Neste senso, os rexedores socialistas apelan á responsabilidade dos deputados autonómicos do PP, pois “o que queremos son feitos que contribúan a garantir unha Sanidade pública e de calidade”. E é que a súa forma actuar, destacan, é sempre a mesma”. “Non hai máis que ver como fixeron cando anunciaron a hospitalización a domicilio para a Mariña”. Neste caso, sinalan, aproveitaron un gran momento de tensión dos usuarios e dos profesionais debido a todos os recortes e privatizacións dos Gobernos do Partido Popular para publicitar un novo equipo en poucos meses, pois cunha soa unidade era difícil prestar un servizo eficaz para toda a comarca dada a distribución xeográfica e demográfica da Mariña. “A día de hoxe seguimos esperando tamén pola segunda unidade”, conclúen.

Exit mobile version