Antonio Veiga convidou a todos os lucenses a “gozar o 21 de decembro deste Campionato Galego Absoluto de Taekwondo” e remarcou que “unha vez máis, o Pazo Provincial dos Deportes se abre a todo tipo de modalidades deportivas”. O vicepresidente provincial deulle “os parabéns á Federación Galega e a Escola Lucense de Taekwondo polo traballo que están facendo”.
O responsable de Deporte da Deputación destacou, así mesmo, “a alta participación feminina, xa que este é un deporte onde o número de licencias están practicamente igualadas entre homes e mulleres. Por iso é un motivo máis para apoiar este deporte que cre firmemente na igualdade”, valorou.
Nivel moi alto, con varios campións de España
O presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz, aventurou que “a organización vai ser perfecta, porque os membros deste club son xente que traballa moi ben” e anticipou que “van participar uns 130 deportistas, dos cales xa temos confirmada a presenza de 67 homes e 53 mulleres. Vai estar aquí o mellor do taekwondo galego e tamén español, xa que imos ter varios campións de España. Participarán Lúa Piñeiro, que está tratando de meterse na próxima Olimpiada, Borja Ríos Cortegoso e Xián Silva, tres rapaces que están adestrando no Centro de Alto Rendemento de Murcia. O nivel vai ser moi grande”, apuntou.
Asemade, Eiriz recordou que “un club de Monforte quedou días atrás campión de España de técnica de equipos, algo insólito nunha categoría colectiva na provincia de Lugo e en Galicia” e deulle os seus parabéns a Jorge Moreno, director deportivo da Escola Lucense, “polo seu título de Campión de España na modalidade de técnica”, unha felicitación á que tamén se uniu Antonio Veiga.
Pola súa banda, Fernando Rubal, máximo mandatario da Escola Lucense de Taekwondo, colectivo encargado da organización do evento en colaboración coa federación autonómica da especialidade, comezou agradecéndolle “á Federación Galega por traer todo o material necesario para poder organizar este evento; á Deputación por facilitarnos o acceso ao Pazo Provincial, que é unha instalación totalmente axeitada para este campionato; e por último á Concellería de Deportes, por deixarnos unha instalación perfectamente acondicionada para o taekwondo”, afirmou. Fixo extensible o seu agradecemento ás firmas privadas que aportan distintos agasallos para os medallistas, como Suministros La Ronda, Lugauto e Café Candelas, así como ao Carrefour, que lle ofrecerá avituallamento a todos os participantes.
No meramente deportivo, lembrou que “é unha competición que desde hai moitos anos non se celebra en Lugo, porque nós somos un club de recente creación, fundado no 2009. Estamos traballando moito na canteira e imos participar neste evento con 6 deportistas, 3 en categoría masculina e 3 en feminina. En anteriores edicións conseguiron algunha medalla e este ano intentaremos igualar a cifra e mesmo superala, aínda que vai ser complicado porque o nivel que hai en Galicia na modalidade de combate é moi grande. O nivel desta competición vai ser alta e para nós é unha satisfacción que os deportistas do noso club poidan participar como anfitrións”, indicou.
Entrada gratuíta e horario de inicio aínda por confirmar
Rubal animou a todos os lucenses á achegarse o día 21 “a coñecer esta modalidade deportiva, xa que poderano facer de xeito totalmente gratuíto. O horario de inicio está previsto para as 10 da mañá e a finalización para as dúas da tarde, pero ao mellor varía a celebración do primeiro combate e se adianta polo número de deportistas que teñamos. Os sorteos celebraranse a principios da semana que vén e aí xa teremos o cadro de competición e os horarios totalmente definidos”, explicou.
Preto de 130 licencias no equipo lucense
Finalmente, o director deportivo da entidade e vixente campión de España de técnica, Jorge Moreno, ofreceu datos sobre a actividade do club. “Levamos cinco anos traballando como escola deportiva do Concello e cada ano imos incrementando o número de licencias, estando xa cerca dos 130 actualmente. A nivel deportivo estamos acadando uns resultados bastante importantes. Vimos agora dun campionato español de clubs no que obtivemos 4 medallas, sendo un ouro e un bronce en técnica, e unha prata e un bronce en combate. Estamos moi contentos con estes resultados”, concluíu.
Ao final do acto, os membros da Escola Lucense de Taekwondo fixéronlle entrega a Antonio Veiga dun sudadoiro da entidade.