Site icon Crónica3.com A Mariña

Os premiados recolleron este mércores os galardóns do I Concurso Postal do Nadal Dixital organizado pola Vicepresidencia Primeira da Deputación

IMG_3349Lugo, 17 de decembro de 2014.- O salón de actos do Pazo de San Marcos foi escenario esta mañá da entrega de premios do primeiro Concurso Postal do Nadal Dixital. Ao acto que presidiu o responsable de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, e no que tamén estiveron presentes a xerente da Rede Museística Provincial, Encarna Lago, e a directora do Museo Provincial de Lugo, Encarna Lago, asistiron os premiados xunto a máis de 150 alumnos e alumnas chegadas desde sete centros educativos da provincia de Lugo. Cómpre recordar que nesta primeira edición achegáronse máis de 300 deseños e participaron 18 colexios e institutos de toda a provincia.

O acto comezou co saúdo institucional de Mario Outeiro, que foi cortado polo dúo teatral Pataca Miúda, quen conduciron a partir de aí o evento e fixeron as delicias tanto dos máis pequenos como dos mestres que os acompañaron ao Pazo de San Marcos. Eles foron os encargados de ir presentando aos premiados e de axudar na entrega dos galardóns e recordos. Así mesmo, tamén realizaron varios regalos a aqueles que responderon primeiro a unha serie de preguntas.

A alumna de 2ª de Primaria do CEIP A Gándara de Monforte, Mencía Álvarez Díaz, recolleu o premio especial á mellor postal, que lle entregou o delegado de Cultura, Mario Outeiro. O seu deseño será a tarxeta coa que feliciten estas festas do Nadal as áreas da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo. Na súa postal aparece o castelo da súa cidade natal e figuras propias do Nadal como O Apalpador.

Premio especial para Mencía e os seus compañeiros de curso
Por esta distinción, Mencía Álvarez recibiu unha tablet de última xeración, un pendrive, un suadoiro e material divulgativo. Asemade, non foi ela a única premiada, xa que tamén gozaron dun premio todos os seus compañeiros de 2º de Primeira do CPI A Gándara, tanto os do seu grupo A como os do B. En total serán 35 os estudantes que participarán nunha viaxe cultural pola provincia de Lugo nos próximos meses con todos os gastos pagados: transporte, almorzo, actividades, etc.

Tres categorías en función das idades
Establecéronse tres categorías distintas, en función das idades. Deste xeito, a primeira categoría estaba dirixida aos alumnos e alumnas entre os 4 e os 6 anos, a segunda para aqueles que teñen entre 7 e 9, mentres que na terceira concorrían os de 10 aos 14 anos.

Na primeira categoría (4-6 anos), a postal gañadora foi a de Nayara Cortiñas Cortiñas, do CPI Casás (Lugo). Segundo foi o deseño de Brais Peña González e o terceiro premio recaeu na postal de Electo Docando Freire, ambos os dous estudantes do CEIP Veleiro Docampo, de Castro Ribeiras de Lea. A autora da mellor postal foi obsequiada cun xogo didáctico, un pendrive, un lote de libros, un suadoiro, lapiseiros de cores e material divulgativo. O segundo levouse un pendrive, un lote de libros e lapiseiros de cores. Pola súa banda, o terceiro recibiu un pendrive e lapiseiros de cores.

En canto á segunda categoría (7-9 anos), Mencía Álvarez Díaz (vencedora do premio especial) recibiu o primeiro premio, a alumna do CPI de Bretoña (A Pastoriza) Iria Castrillón conseguiu o segundo e o terceiro foi para Xurxo González Rodríguez, do CEIP A Gándara (Monforte). O primeiro premio nesta franxa de idade consistiu nun pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo nun pendrive, suadoiro e material divulgativo da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo; mentres que o terceiro compoñíase dun pendrive e material divulgativo.

Finalmente, na terceira categoría (10-14 anos), a vencedora foi Marcela Miñambres Pardo, do CPI As Nogais. En segunda posición rematou Héctor Lolo, tamén do centro das Nogais, e terceiro foi Daniel Souto Vega, do CEIP A Ponte (Lugo). A autora da mellor postal deste grupo levou un pendrive, un lote de libros, un suadoiro e material divulgativo; o segundo un pendrive, un lote de libros e material divulgativo; mentres que o terceiro foi obsequiado cun pendrive e material divulgativo

Invitados todos os centros e participantes á entrega de premios
Na entrega de premios estiveron presentes alumnos dos seguintes centros: CEIP Veleiro do Campo (Castro Ribeiras de Lea), CPI San Miguel de Reinante (Barreiros), CPI As Nogais, CPI Bretoña (A Pastoriza), CPI Casás (Lugo), CPI A Gándara (Monforte) e o CPI A Ponte (Lugo).

Tamén enviaron deseños ao concurso alumnos e alumnas dos seguintes centros:
CEIP Menéndez Pelayo (Lugo)
IES Illa de Sarón (Xove)
CEIP Francisco Daviña Rey (Monforte)
CEIP Juan Rey (Lourenzá)
CEIP Vista Alegre (Burela)
CEIP Rosalía de Castro (Lugo)
CEIP Anexa (Lugo)
CEIP Cervo
CEIP Láncara
CEIP Insua Bermúdez (Vilalba)
CEIP San Cosme de Barreiros

Exit mobile version