Site icon Crónica3.com A Mariña

Os sectores socioeconómicos da Mariña apostan pola apertura do dique norte de Morás e por unha tarifa eléctrica competitiva para o tecido industrial, comercio e familias

A Mariña, 20 de decembro de 2014. A deputada no Congreso polo BNG, Rosana Pérez, visitou este sábado A Mariña e mantivo un encontro con representantes dos principais sectores económicos da comarca.

No acto estiveron presentes representantes do sector pesqueiro, forestal, agrario, turístico, empresas de construcción civil, comerciantes e persoas autónomas, representantes sindicais, empresariais e do cadro de persoal da empresa Alcoa e auxiliares. Durante as dúas horas que durou o encontro, a representante do BNG no Congreso presentou as iniciativas e posicionamentos mantidos polo seu grupo a respecto de cuestións que entenden “fundamentais para o desenvolvemento e o futuro da comarca”.

Rosana Pérez sinalou que “a comarca de A Mariña ten a día de hoxe un déficit histórico en materia de infraestruturas que obedece a un deseño das mesmas feito obviando as necesidades económicas e sociais da comarca.” Referiuse igualmente a deputada á necesidade da apertura do dique norte de Morás”, defendida o mércores desta mesma semana polo BNG na comisión de fomento do Congreso e que obtivo os votos en contra do Partido Popular e a abstención do Partido Socialista. Para o BNG esta cuestión “é unha aposta estratéxica se queremos garantir futuro para a economía comarcal e diversificala cara a outros sectores que están a demandar esta cuestión.”

Tamén houbo tempo para debater sobre a necesidade de establecer unha tarifa eléctrica propia que, como país excedentario na xeración de enerxía, nos permita ter maior competitividade e beneficiar ao conxunto do sector industrial galego. Neste sentido, para o BNG é prioritario que “se garanta a continuidade dos postos de traballo que actualmente ten a empresa Alcoa en Galiza, pero iso non é incompatíbel con abrir outras posibilidades e apostar polo desenvolvemento integral dunha comarca que, afortunadamente, conta cunha diversificación e un dinamismo económico moi forte.” Tanto é así que representantes dos sectores pesqueiro e forestal sinalaron que o sector pesqueiro supón 1.600 empregos directos que se multiplican por cinco en terra e no caso do forestal nos últimos anos saíron da comarca 1 millón de toneladas de madeira que se poderían multiplicar no caso de contar cun porto da envergadura que ofrece o dique norte de Morás.

Ao longo do debate producido no acto, as persoas representantes dos sectores alí presentes manifestaron o seu apoio e a necesidade urxente de pór en marcha as medidas sinaladas pola deputada do BNG, incidindo en que apostar por esta comarca supón un compromiso claro por sacar adiante cuestións claves como a posta en marcha das infraestruturas por estrada (especialmente na parte central e occidental da comarca), pero tamén da rede ferroviaria; a apertura do dique norte, que beneficiaría a outros sectores como o forestal, facéndoos máis competitivos; ou a posta en marcha dun réxime tarifario que beneficie non só a grandes empresas consumidoras de enerxía, senón tamén ao tecido industrial en xeral e a persoas autónomas e familias.

Ao remate do acto, concluíuse tamén a necesidade de darlle continuidade ao traballo iniciado no acto de onte, adquirindo un compromiso claro na aposta polo desenvolvemento económico e en materia de emprego da comarca mariñá.

Exit mobile version