“Estamos convencidos de que o Sr. Fuente Parga é coñecedor do problema pero, lamentablemente, sigue mirando para outro lado. Esixímoslle que actúe con rapidez. E é que non ten escusa para actuar, pois velar pola seguridade dos veciños é unha competencia propia dun alcalde”. Neste senso, a socialista pídelle “altura de miras”, e dado que no Pleno celebrado o pasado luns se aprobou a cesión do centro ao SERGAS, insta ao rexedor a “non desperdiciar a oportunidade para reclamar á Xunta de Galicia o arranxo inmediato”.
Deixación de funcións
As deficiencias e o abandono que presenta o centro de saúde “non é un feito illado e constatable”, segundo subliña Veiga, senón que é “unha mostra máis da desidia e do pasotismo aos que nos ten acostumados o Sr. Fuente Parga, e que están a provocar unha desatención notable dos espazos públicos do municipio”.
Concretamente, os socialistas veñen denunciado esta “deixación de funcións” dende hai meses. Primeiro foi, lembran, os continuos cortes de auga que sofren os veciños de parroquias como a Santiago de Reinante. Segundo, o abandono no que o concello mantén algunhas instalacións como o parque infantil, situado nas inmediacións da praia Anguieira, e no que o concello aplicou un herbicida que, “cando menos, foi unha actitude irrespetuosa co medio ambiente”. Asimesmo, en Celeiro de Mariñaos, o interior da antiga casa do cura, “semella ser máis unha selva africana e un vertedoiro incontrolado que outra cousa”.
“Este descoido”, indica, repítese tamén na zona do parque empresarial, onde a maleza chega a tal punto que este verán supuxo unha clara amenaza para os incendios.