Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo lamentan que o PP e Balseiro “estean desaparecidos” ante a crítica situación de Alcoa, Sargadelos e ECESA

CERVO, 6 DE DECEMBRO. Os membros do Grupo Municipal Socialista de Cervo ratificaron este sábado a súa vontade de “seguir traballando intensamente” para garantir a viabilidade de proxectos empresariais fundamentais para a localidade e para toda a comarca da Mariña, ó tempo que lamentaron que o “Partido Popular e Balseiro leven meses ausentes e desaparecidos” ante a crítica situación que atravesan Alcoa, Sargadelos ou Ecesa.

“Tan só se preocupan por facer propaganda, vender ós seus candidatos electorais e lanzar fogos de artificio sobre o proxecto de ampliación do Hospital da Costa e a VAC, cando centos de familias do noso concello teñen a alma nun puño pola incerteza que planea sobre estas empresas. As nosas prioridades son os veciños, as súas, os intereses partidistas”, subliñaron.

Mentres os socialistas demostran “día a día” o seu compromiso “con propostas, iniciativas e xestións”, tanto a nivel de partido, como dende as institucións nas que están presentes, o PP, e en concreto, o alcalde, Alfonso Villares, e o primeiro tenente de alcalde, deputado autonómico e secretario provincial dos populares, José Manuel Balseiro, “non abriron a boca, nin fixeron o máis mínimo xesto, cando deberían mobilizarse dende o primeiro momento e esixirlle á Xunta de Galicia e ó Goberno central solucións inmediatas polo mantemento destas empresas e os seus postos de traballo”. “O silencio de Balseiro demostra a súa ineficacia como representante dos cervenses e de todos os galegos”, recalcaron.

Alcoa
Os socialistas estiveron reunidos hai só unha semana cos traballadores da planta de Alcoa en San Cibrao, cos que se comprometeron a solicitar ó Goberno central e á Xunta un marco enerxético estable e a prezos competitivos que garanta a viabilidade da planta.

De feito, o grupo socialista no Parlamento galego denunciou este mesmo mércores na Cámara ante Núñez Feijóo a incerta situación á que se enfronta a factoría de non adoptarse solucións eficaces, inmediatas e a longo prazo. Ó mesmo tempo, o PSOE rexistrou tamén o mércores no Congreso dos Deputados unha proposición non de lei na que reclama ó Executivo de Rajoy que estableza unha fórmula para que as empresas con alto consumo enerxético poidan ter prezos razoables e en relación ós de outros países da Unión Europea. Así mesmo, a Deputación de Lugo aprobou onte na Xunta de Goberno unha declaración institucional esixindo solucións de futuro para Alcoa.

Frente a todo isto, o Partido Popular “non moveu un dedo”.

Sargadelos
O GMS esixiu ó alcalde que instase á Xunta, administración coas competencias en materia de industria e traballo, que desenvolvese un plan de actuación para cooperar na busca de solucións ós problemas económicos de Sargadelos. Demandou tamén que o Real Padroado de Sargadelos, do que forman parte Xunta, Deputación e Concello, buscase solucións conxuntas, eficaces e de futuro que aseguren a súa actividade e postos de traballo.

Ante esta situación, a Xunta “foi incapaz de facer nada” e o PP “mira para outro lado”.

ECESA
O mesmo ocorre coa empresa Área Minera del Atlántico, antiga ECESA. Os socialistas levan meses advertindo da súa mala situación e reclamando solucións por medio do alcalde no Concello e de Balseiro no Parlamento. Finalmente, o pasado martes confirmouse o cese da súa actividade “e seguimos sen saber que vai pasar cos postos de traballo e se se vai garantir a seguridade de todos os veciños se a mina queda abandonada”.

O señor alcalde e o PP “quedáronse de novo de brazos cruzados”.

Sen praza de médico
Ademais de pola agónica situación destas tres empresas, o PSOE cervense esixiu explicacións ó PP porque “da praza de médico que suprimiu a Xunta e que prometera Balseiro fai un ano e medio non sabemos nada de nada. Iso é o que vale a súa palabra e as súas promesas: nada. Moito nos tememos que pase igual coa ampliación do hospital e coa VAC”.

Exit mobile version