Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas destacan que “Fomento recoñece que preto do 60% do orzamento de 2014 destinado á seguridade vial e á conservación das infraestruturas da provincia está sen executar”

LUGO, 3 DE DECEMBRO DE 2014.- O Ministerio de Fomento vén de recoñecer, en resposta á pregunta parlamentaria formulada pola deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- que ten preto do 60% do orzamento de 2014 destinado á conservación e seguridade vial das infraestruturas da provincia sen executar. Concretamente, o departamento estatal precisa, no documento remitido á socialista, que tan só se investiron 6.026.443 euros dos 14.513.500 presupostados, é dicir, o 41,42%.

Trátase, pois, segundo subliña Herraiz, dunha porcentaxe “demasiado elevada”, que demostra “a falla de compromiso con Lugo do Goberno de Rajoy, pois suponse que todos temos a obriga de defender os intereses e as necesidades da provincia, así como a de reclamar aos dirixentes que cumpran os compromisos asumidos”.

Neste senso, considera que “isto é unha mostra máis de que Lugo é a gran esquecida polo Executivo Central”. “Xa o dixemos no seu momento, cando analizamos os Orzamentos, e agora resulta que é o propio Goberno o que nos dá a razón. Son datos que nos facilita o propio Ministerio, por tanto, non é unha fantasía dos socialistas. Os Presupostos son un documento en papel, polo que se non se executan de nada serven. Quedan niso, nun simple documento e nun simple papel”.

A este respecto, critica que o Ministerio non especificase na resposta emitida a qué destinou o investimento indicado nin o grado de execución das actuacións acometidas. “O único que fixeron foi totalizar a inversión, sumando as dúas partidas, pero o que eu lles preguntaba era tamén que foi o que fixeron e en que situación se atopa. Non entendemos a que se debe esta falla de información. Está claro que detrás hai unha clara intención de evitar a resposta”, afirma.

Infraestruturas que precisan ser melloradas
Por este motivo, a deputada socialista esixe ao Goberno que cumpra e execute o que compromete, sobre todo, porque “é coñecedor de que a provincia conta con infraestruturas importantes para o seu desenvolvemento, que son de titularidade estatal, e que precisan ser melloradas”.

É o caso, indica, da N-540 que comunica Lugo con Ourense; N-640, que discorre por municipios da Terra Chá como o de Pol, e no que recentemente se rexistraron algúns accidentes; N-642, que comunica varios concellos da Mariña; N-642 entre Lugo e Castro de Rei, e na que o treito situado á altura de Viladonga está notablemente deteriorado; N-634 entre Abadín e Mondoñedo; N-VI de O Corgo ata Guitiriz; a estrada que vai de Monforte a Chantada, na que se fixeron rebacheos, pero o que cómpre é unha capa xeral, especialmente na zona de Belesar; ou a ponte de Saamasas, que dá servizo aos viaxeiros que se dirixen a Santiago e Ourense. Concretamente, esta non só non filtra correctamente a auga, senón que o estado do pavimento e da pintura tamén dificulta a circulación dos vehículos.

“Son infraestruturas importantísimas, pero que nunca estiveron tan mal dende o ano 1985. E isto débese ao forte deterioro e falla de mantemento que acumulan dende 2011”. A este respecto, advirte e lamenta que “esta situación non vai mellorar nin a corto nin a longo prazo, debido a que o orzamento destinado para estas dúas finalidades en 2015 non só non se incrementa senón que diminúe preto do 20%”. En 2014, o Goberno destinou á conservación 9.204.740 euros e, en 2015, 8.782.970 euros; “é dicir, que o Executivo reduciu en case medio millón de euros esta investimento”. Polo que respecta á seguridade vial, esta diminución “é moito máis significativa”. Dos 5.308.760 euros presupostados este ano pásase a 3.593.790 no vindeiro exercicio. Por tanto, neste caso, a rebaixa supera o 1,7 millóns de euros, o 33% do consignado na anualidade en curso.

Exit mobile version