Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas preguntan polos postos de traballo e esixen que se garanta a seguridade dos veciños ante o inminente cese de actividade da antiga ECESA

CERVO, 2 DE DECEMBRO. Despois de todo un mes de novembro no que se anuncia a rebaixa do ritmo de produción da empresa Área Minera del Atlántico, antiga ECESA, e no que as diferentes noticias facían dudar da verdadeira realidade á que nos teríamos que enfrontar, “sabemos que a día de hoxe, 2 de decembro, será efectiva a paralización da súa actividade. Queremos saber qué vai pasar cos postos de traballo e que se garanta a seguridade de tódolos veciños se a mina queda abandonada”.

Por unha banda, os socialistas amosan a súa preocupación polos traballadores da empresa, pois “son arredor de 30 os veciños e familias que se poden ver afectados e moitas as incógnitas que bordean a situación. Irán ó paro e a unha bolsa de emprego e o noso alcalde, Alfonso Villares, mentres, mira para outro lado. Erixiuse en falso defensor dos postos de traballo e agora resulta que non se pronuncia, situación que nos recorda bastante á Cerámica de Sargadelos e da que xa sabemos o final”.

Non dan crédito á pésima actitude do rexedor en canto a este tema, ademais da problemática laboral “non nos podemos esquecer do serio risco que ocasiona a finalización da actividade na mina situada na parroquia de San Román de Vilaestrofe, pois segue nunha situación perigosa. Descoñecemos se está resolta a situación da fenda da que a Xunta informaba ó Concello a principios deste ano, a zona perimetral está sen vaiar e existen bancais de recheo de considerables alturas así como balsas de decantación sen sinalizar e sen limpar. Estamos na peor época do ano en canto ás inclemencias meteorolóxicas, pedimos que se garanta a seguridade dos veciños e das persoas que circulan polas pistas forestais antes de que sexa tarde”.

Os socialistas lembran que son tres as partes implicadas, pero ningunha delas fala claro, “a empresa ten a obriga de informar semanalmente da reparación da fenda e da actividade, por tanto, debería dicir cal é a situación. A Xunta de Galicia debería facer un seguemento da realidade, apostar polos traballadores e obrigar á empresa a reparar totalmente tódolos problemas que poidan ocasionar inseguridade para os veciños. E o goberno de Cervo non sabemos a qué espera para pedir explicacións a ambas partes e reunirse cos veciños”.

Con este panorama, os socialistas pregúntanse e esixen resposta ante  “qué van facer tanto a Xunta como o Concello en caso de que a empresa se disolva, quen será o responsable de calquera situación perigosa, poden garantir que non aparezcan novas fendas e en qué quedou a iniciativa parlamentaria presentada en febreiro polo señor José Manuel Balseiro”.

Dende o PSOE de Cervo recórdanlle unha vez máis a Villares que “estamos a falar dun problema serio, que mantén ós veciños en alerta e para o que necesitamos unha solución inmediata e duradeira. Como alcalde de Cervo debería verse na obriga de facer as xestións oportunas para axilizar os trámites e non esperar a que outros se decidan”.

Exit mobile version