Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herraiz critica a dificultade para conseguir información do Goberno sobre materias específicas importantes para a provincia

Lugo, 18 de decembro de 2014.- A deputada no Congreso –Margarita Pérez Herraiz- critica a dificultade para conseguir información do Goberno sobre materias específicas importantes para a provincia como as infraestrutruras que Fomento ten pendentes ou as escolas-obradoiro. E é que, nas últimas respostas emitidas ás preguntas realizadas pola socialista, predomina “a opacidade e a inconcreción”; cuestión que para Herraiz denota “unha clara falta de compromiso” por parte do Executivo de Rajoy.

“Ningunha destas informacións se facilitaron ao Grupo socialista no Congreso, complicando así o labor de control parlamentario e, todo iso, a pesares de que acaban de sacar a famosa Lei de Transparencia e de que facilitar información á Oposición é unha obriga que debe cumprir, por certo, calquera goberno democrático”, afirma.

A imprecisión do Goberno ao detalle
Deste xeito, esta dificultade que critica a deputada pode observarse claramente na resposta dada a preguntas que a socialista formulou nos últimos meses. Son as seguintes:

– Grado de execución sobre as partidas de 2014 das autovías A-54, A-56 e liña de Alta Velocidade Lugo-Ourense. Fomento só reflicte as obrigas recoñecidas por treitos. En ningún momento, fai referencia ao grado de execución deste ano, tal e como se especifica na pregunta rexistrada por Herraiz no mes de outubro.

– Número de efectivos da Garda Civil e da Policía, e a súa distribución por localidades. Respostan á distribución para o total da provincia, pero non concretan a variación por localidades.

– Como valora o Goberno que a Xunta de Galicia, a partires de 2011, deixase practicamente de empregar como ferramenta para a integración laboral as escolas-obradoiro, a pesares de que o plan de acción para o emprego as segue considerando últiles. Neste caso, o Executivo indica que as persoas formadas en Galicia en 2012, segundo o Anuario de Estatísticas do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, son 2.065. A resposta non convence á socialista, pois a información publicada indica que os beneficiarios tan só foron 26. É, por este motivo, polo que Pérez Herraiz, volve a realizar a pregunta, pedindo ao Goberno que aclare esta diferencia nos datos e se o erro está no ano ou no número de participantes. A resposta, neste caso, non só é inconcreta, senón que, tal e como subraia a socialista, “se saen polos cerros de Úbeda”.

– Execución de conservación e seguridade vial na provincia por treitos. Tal e como xa indicaron os socialistas en días pasados, a contestación refírese á execución conxunta das dúas partidas e non ao acometido por treitos.

Exit mobile version