Site icon Crónica3.com A Mariña

Portos de Galicia confirma o investimento de 1,2 millóns de euros en obras de reparación e reforzo dos peiraos da Mariña lucense afectados polos temporais

“Portos de Galicia centrou todo o seu esforzo en devolver a operatividade aos peiraos afectados polos temporais do pasado inverno, con especial atención ás infraestruturas destinadas ao sector profesional”. Así o explicou este venres o presidente do ente público, José Juan Durán, en resposta a unha pregunta parlamentaria sobre o plan de acción desenvolvido para recuperar as infraestruturas danadas polo tren de borrascas do primeiro trimestre do ano.

Durán Hemida remarcou que a prioridade de actuación do departamento que preside foi en todo momento “garantir a seguridade dos usuarios e devolver a operatividade aos peiraos coa maior premura posible técnica e económicamente”. Así mesmo, lembrou que o 2014 “foi un ano de extrema dificultade para Portos de Galicia” que, a nivel económico “estivo condicionado polos enormes danos sufridos”. Neste sentido, subliñou o investimento de preto de 4 millóns de euros realizado nas grandes actuacións de reparación de infraestruturas aos que se sumaron outros 4,2 millóns de gasto corrente para outras reparacións menores derivadas tamén no temporal, incluídas na obriga de mantemento e conservación dos peiraos.

Na súa intervención José Juan Durán repasou as actuacións de maior envergadura executadas e en execución ou tramitación, dentro da partida de reparacións dos danos do temporal e explicou que para a afrontar estes traballos foron necesarias dúas modificacións orzamentarias, coa súa preceptiva tramitación e prazos administrativos. En concreto, referiuse a cinco grandes obras xa rematadas, por importe de 2 millóns de euros (IVE excluído). Trátase das reparacións nos peiraos de Celeiro (Viveiro), por importe de 804.217 euros; Malpica, 582.334 euros; Cariño, 247.534 euros; A Guarda, 226.092 euros; e Santa Mariña de Camariñas, 139.821 euros.

A continuación, relatou as obras que se atopan en execución ou tramitación debido á necesidade de habilitar unha nova modificación orzamentaria a cargo do ente público por importe total de máis de 1.150.000 euros. Inclúense nesta modificación as reparacións de Camelle (220.385 euros); Foz (173.312 euros); Burela (108.566 euros); San Cibrao (107.058 euros); Viveiro (79.927 euros); Malpica (124.937 euros); Cambados (103.253 euros) e Santa Cruz, en Oleiros (232.920 euros).

Ademais, na súa resposta, insistiu en que “Portos de Galicia mantivo en todo momento un posicionamento realista e baseado nas directrices técnicas como requería a situación” e sinalou que o ente público “estableceu como obxectivo do ano, devolver a plena operatividade ás infraestruturas de cara ao inverno que acaba de comezar”. “Así o comprometimos e así o estamos facendo, sempre na medida do que a dispoñibilidade orzamentaria e o rigor da tramitación administrativa nos permiten”, engadiu.

Finalmente, o presidente de Portos reiterou o seu “apoio incondicional, aos profesionais que sufriron en primeira persoa as consecuencias dun temporal de extraordinaria agresividade e o agradecemento pola súa colaboración á hora de paliar os efectos das borrascas”.

Exit mobile version