Site icon Crónica3.com A Mariña

Senra recrimina a Juncker non valorar como prioritarias as medidas sociais no seu plan de traballo para 2015

Estrasburgo, 16 de Decembro 2014.- Na sesión plenaria do Parlamento Europeo, que está a ter lugar durante esta semana en Estrasburgo, celebrouse este martes o debate ao respeito do plan de prioridades de traballo establecidas polo presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker -Partido Popular Social Cristiano-, para o vindeiro ano 2015.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, recriminou na súa intervención a completa desidia do presidente da Comisión á hora de buscar solucións á actual situación de terrorismo machista que, só a nivel europeo, afecta a 62 millóns de mulleres. “Señor Juncker, unha de cada tres mulleres na Unión Europea sofre violencia machista, pero eu non vin nada nas súas prioridades de traballo no 2015 para loitar contra esta lacra”, recriminou a eurodeputada de AGEe escandalizada pola inoperancia da Comisión en relación a unha problemática de dimensións inda moito maiores das que coñecemos a día de hoxe, xa que, segundo datos da Axencia de Dereitos Fundamentais da UE, o 67% das mulleres non comunican a ninguén os ataques violentos sufridos por parte da súa parella.

Tampouco parece ser prioritario para Juncker o acceso a unha alimentación sa, de calidade e suficiente, xa que eludiu presentar ningunha medida en relación a este ámbito fundamental, “A agricultura, a pesca, as dúas patas da soberanía alimentaria, e que inda manteñen moitos postos de traballo en Europa, tampouco vin nada”, espetou Senra. “A pobreza, a fame, a exclusión social… tampouco vin nada nas súas prioridades de traballo para loitar no 2015 contra estes dramas que están a sufrir centos de miles de persoas na Unión Europea “, proseguiu.

Nin sequera o cumprimento do dereito a unha vivenda digna resultou estar entre as prioridades destacadas polo presidente da Comisión hoxe, “o acceso á vivenda, ou mellor dito, impedir que milleiros de persoas segan perdendo a súa vivenda cada día, tampouco aparece nada nas súas prioridades”, insistiu Senra.

“Igual que tampouco aparece nada sobre a precariedade laboral, sobre a perda de dereitos sociais, que cada día é maior, nin tampouco sobre a privatización dos servizos públicos básicos, como a saúde e a ensinanza”, enumerou criticamente a deputada galega, “están todos estes ámbitos fóra das súas prioridades ou é que esqueceu dicirnos que vai facer?”, cuestionou ironicamente.

Exit mobile version