Site icon Crónica3.com A Mariña

Varias asociacións únense para organizar a I Carreira Solidaria San Silvestre San Cibrao 2014

carreira_solidariaCervo, 18 de decembro de 2014.- O 31 de decembro celebrarase en San Cibrao a I Carreira Solidaria San Silvestre, un evento co que se pretende recadar fondos para accións sociais. Nela poden participar persoas de todas as idades xa que os percorridos son diferentes segundo as categorías. Así, na absoluta (1996 e anteriores) completaranse 5.500 metros; na xuvenil (1997 ata 2000) 1.500 metros e na infantil (2001 en diante) 200 metros.

En todos os casos a saída realizarase dende a Casa do Mar; ás 11:30 h. os nenos, ás 11:40 h. os mozos e ás 12 h. os adultos. Para poder participar é necesario inscribirse e, ademais, nas categorías absoluta e xuvenil, terá un prezo de 1 euro a modo de doazón, que será destinado a Cruz Vermella Burela e a Cáritas Cervo. O prazo está aberto ata o 29 de decembro e pode realizarse na web www.championchipnorte.com, na Casa do Mar todos os venres de 16:30 a 17:30 ou por mail en asociacion.arroutados@gmail.com.

As persoas participantes recibirán unha camisola de algodón conmemorativa e tamén haberá avituallamento final e zona de duchas. Ademais, ofreceranse lambonadas a todos os corredores infantís; agasallos para os tres primeiros masculinos e femininos na categoría de mozos; e agasallos para os tres primeiros masculinos e femininos, e mellor cervense masculino e feminino en adultos.

Ese mesmo día instalarase un Mercado solidario cos produtos do Centro de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña e un mercado de alimentos de Comercio Xusto promovido por Cáritas Cervo.

Un evento que organizan a Asociación Cultural Arroutados e a Comisión de Festas do Carme e que conta coa colaboración do Concello de Cervo, Cruz Vermella Burela, Cáritas Cervo, Medela MTB, Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, El Progreso, Asociación A Sombriza e o Club Deportivo San Ciprián. De feito hoxe varios representantes das asociacións e entidades implicadas presentaron o cartel da actividade.

O presidente de Arroutados, Marcos González, destacou a vocación solidaria desta carreira, “coa que queremos apoiar a aquelas entidades que realizan unha importante labor social no noso entorno como forma de axudar ás persoas que máis o necesitan”. Pola súa banda o presidente da Comisión de Festas, José Ramón Soto, resaltou “a unión de esforzos de moitas entidades, que se xuntaron para colaborar nunha boa causa”. Tamén deu as grazas de antemán a todos os corredores, tanto aos xa inscritos como a todos os que participarán, “pola súa solidaridade e preocupación polos demais”.

Exit mobile version