Site icon Crónica3.com A Mariña

Veiga critica que o PP rexeite no Congreso unha nova petición do BNG para conseguir a apertura do dique norte de Alcoa

A Xunta de Goberno deste venres tocou dous temas referentes a Alcoa: o dique norte e a tarifa eléctrica. “O PP vén de rexeitar unha vez máis no Congreso dos Deputados unha proposta do BNG a respecto da apertura do dique norte de Alcoa. Hai posicionamentos unánimes deste goberno provincial nos que se pedía a liberalización dese dique norte, é dicir, rescatalo da concesión que a multinacional Alcoa ten ata o 2022. Consideramos, ao igual que o tecido industrial da zona, que co seu rescate se podería crear un novo porto para dar saída á cantidade de materia prima que se xera na provincia (caolín, madeira e outras mercancías). Reúne as condicións, hai un estudio de viabilidade do 2010 de Portos de Galicia, no que recoñece que se pode converter en poucos anos nunha autovía do mar, como Xixón ou Vigo. No medio destas podería haber unha terceira autovía do mar, que sería este porto do dique norte de Morás e sería un avance importantísimo para A Mariña”, sinalou o Vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga.

Esta situación entróncase tamén “coa que está vivindo a comarca e Alcoa, polos lóxicos temores que hai visto o que ocorreu na poxa eléctrica coas factorías que esta multinacional ten na Coruña e Avilés. Entendemos que isto é apostar polo futuro e apostar polo futuro tamén é demandar unha tarifa eléctrica propia. Ninguén pode entender que un país excendentario en produción eléctrica non teña enerxía para as empresas de aquí ou que se instalan no noso territorio”, apuntou.

Tamén di que “non se entende tampouco que, producindo en Galiza a enerxía, esta custe o mesmo aquí que en Madrid, cando a hai que transportala 500 quilómetros. Noutras comunidades non teñen este problema, como por exemplo en Euskadi, xa que contan cunha tarifa propia e dominan os seus recursos. Nós sempre defendemos estas dúas actuacións e seguirémolo facendo”, concluíu.

Sanidade pública da provincia en perigo
Veiga critica o desinterese do PP pola provincia na xestión da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) do HULA. “Desde logo, a sanidade pública de Lugo está en perigo por culpa do PP. Non temos máis que ver o tratamento que se lle deu a esta ILP, con 42.000 sinaturas, unha das que obtivo máis respaldo social, con sinaturas nun papel que o goberno autonómico vén de converter en papel mollado, baleirando de contido a iniciativa orixinal”, indicou.

“Burla e ninguneo aos asinantes da ILP e ao resto de veciños da provincia”
Por isto, continua Veiga, “concluímos que o PP é un perigo para a sanidade público e a saúde dos e das lucenses. Podemos dicir que é un produto ou un partido tóxico. Nós non imos permitir que se burlen e ninguneen a eses 42.000 asinantes e ao resto de veciños da provincia de Lugo e amordacen a súa voz”, aseverou.

Exit mobile version