Un ano máis por estas datas chega a Axenda Feminista do Observatorio da Mariña pola Igualdade, e un ano máis 12 son as mulleres escollidas para protagonizala. Se en anteriores anos as protagonistas foron as músicas, as escritoras ou as teatreiras, para este 2015 que está a piques de comezar o Observatorio da Mariña pola Igualdade quere homenaxear e visibilizar o traballo de 12 poetas galegas, unha por cada mes do ano. As poetas e á poesía, capaces de rachar as lindes da norma e de estourar ceibes en todos os espazos.
Porque, contra todo prognóstico, desde o Observatorio pensamos que é posible construír, crear e dicir, desde a rebeldía e desde a poesía. E é por iso que para o 2015, a Axenda Feminista contará coas verbas de doce galegas, doce poetas bravas como Pilar Pallarés, Xiana Arias, Yolanda Castaño, Lara Rozados, Andrea Nunes, Estíbaliz Espinosa, Ana Romaní, Chus Pato, Eva Veiga, Berta Dávila e as mariñás Luz Pozo Garza e Olalla Cociña, que abren e pechan a Axenda Feminista respectivamente. Doce mulleres que, coma en anteriores axendas, inauguran cada mes do ano cunha foto e un texto escrito expresamente para esta Axenda Feminista.
A Axenda Feminista 2015 sobre Poetas Galegas repite o formato da axenda de anos anteriores: tamaño A5, tapas duras, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. Ademais dos textos e das fotos de cada poeta, tamén se poderá atopar unha pequena bio-bibliografía das poetas coa súa principal obra en galego, datas relevantes para o movemento feminista que decote pasan desapercibidas noutros almanaques, páxinas de notas, ou o calendario menstrual 2015. O deseño das tapas correu a cargo do ribadense David Ribas Pena.
Na Axenda Feminista 2015 colabora a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega cunha pequena benvida escrita pola tamén poeta Antía Otero, vicepresidenta de dita asociación.
O prezo da axenda son 12 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 10 euros) e se pode atopar, a partir desta semana, nos seguintes puntos de venta:
Ribadeo: Libraría Casa das Letras e Tenda de Calidade Guidán.
Foz: Libraría Bahía.
Burela: Libraría Espacio Lector Nobel e Papelería Atril.
Viveiro: Libraría Porta da Vila.
Santiago de Compostela: Libraría feminista Lila de Lilith e Libraría Pedreira
A Coruña: Libraría Suevia.
A xente que o desexe tamén se pode poñer en contacto co Observatorio da Mariña pola Igualdade a través do mail observatorioigualdade@gmail.com ou do teléfono 627.037.668 para mercar a súa axenda. Fanse envíos por correo postal.