Site icon Crónica3.com A Mariña

300 atletas de 9 clubs da provincia disputarán a primeira proba da Copa Deputación

pres-copa-atletismoLugo, 23 de xaneiro de 2015. O delegado de Cultura e Turismo da Deputación, o nacionalista Mario Outeiro, presentou este venres a V Copa Deputación de Atletismo, acompañado do delegado técnico da Federación Galega de Atletismo en Lugo, Pablo Gandoy. O torneo disputarase na cidade de Lugo en catro probas diferentes, dúas en pista cuberta e dúas ao aire libre, que se disputarán na primavera.

A primeira das probas disputarase mañá sábado, en horario de mañán e tarde, no módulo cuberto de atletismo construído pola Deputación nas Pedreiras, a carón das pistas Gergorio Pérez Rivera. Participarán máis de 300 nenos e nenas pertencentes a 9 clubes de atletismo da provincia de Lugo das categorías infantil, alevín e benxamín.

A Copa Deputación de Atletismo está aberta á participación de calquera atleta galego individual federado, atletas de clubs pertencentes a Galiza, atletas con ficha da Federación Galega de Atletismo pero pertencentes a clubs doutras partes do Estado, e atletas non galegos ou estranxeiros convidados expresamente pola FGA, agás nas categorías benxamín, alevín e infantil, nas que só poderán participar nenos e nenas de clubs lucenses.

Marcas clasificatorias

As catro probas da Copa Deputación de Atletismo serven de marcas clasificatorias para competicións de carácter galego e estatal, polo que “a organización desta Copa dá a oportunidade aos atletas e ás atletas lucenses de obter marcas oficiais que lles permitan competir a nivel galego e estatal”, destacou Mario Outeiro.

Outeiro tamén sinalou que esta competición, que abarca todas as categorías, permite fomentar e dar visibilidade ao deporte base e protagonismo ás futuras xeracións de atletas. Destacou ademais a importancia da organización desta competición que permite “a participación de cada vez máis atletas, e sobre todo femininas, que superan xa en número aos participantes masculinos”, dixo.

A importancia de contar cun módulo cuberto
O módulo cuberto de atletismo das Pedreiras, onde se van disputar dúas das catro probas da Copa Deputación de Atletismo, foi construído co financiamento íntegro da Área de Deporte da Deputación de Lugo e era unha infraestrutura moi demandada na cidade, xa que permite o adestramento de xeito continuado dos atletas todo o ano, sen depender da climatoloxía. Ademais, conta coas dimensións necesarias para competicións oficiais, polo que as marcas obtidas son valedeiras como marcas persoais. Trátase da única instalación deste tipo que existe na provincia de Lugo e unha das poucas que hai en Galiza.

“O atletismo é un deporte con moita tradición na provincia de Lugo e que neste momento goza de moi boa saúde, xa que ten moitos practicantes, tanto a nivel afeccionado como a nivel competitivo. Desde a área de Deportes da Deputación queremos que siga sendo así, polo que seguiremos apoiando aos atletas e ás atletas lucenses, organizando competicións coma esta Copa Deputación e creando e mellorando instalacións que lles permitan entrenar e competir nas mellores condicións”, afirmou Mario Outeiro.

Exit mobile version