Site icon Crónica3.com A Mariña

A Consellería de Cultura e Educación presenta en Mondoñedo ‘Fala das musas e outros poemas’ de Daniel Pernas Nieto, publicado polo Centro Ramón Piñeiro

Mondoñedo (Lugo), 30 de xaneiro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou este venres no concello mariñán de Mondoñedo unha nova edición da obra ‘Fala das Musas e outros poemas’, publicado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), no marco da Colección Láncara e a cargo do profesor, crítico literario e investigador Armando Requeixo.

No acto de presentación, que tivo lugar na casa do concello mindoniense, participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, acompañado polo propio editor; polo rexedor de Mondoñedo, Orlando González; e mais polo director da Colección Láncara do CRPIH, Luís Alonso Girgado.

Segundo explicou o secretario xeral, “Daniel Pernas Nieto, autor da escola mindoniense, escribiu con esta obra un capítulo importante na historiografía literaria galega por ser o primeiro autor en dar á luz un libro de versos en galego durante a Guerra Civil.” Ademais –engadiu García Gómez- os versos de Pernas Nieto nesta edición aparecen antecedidos dun extraordinario prólogo de Álvaro Cunqueiro, tamén el significado escritor da escola mindoniense, quen asina aquí un texto de gran calidade literaria como inmellorable limiar ás composicións de Fala das Musas.”

“Esta edición engade tamén a valiosa achega de incorporar toda aquela produción poética do autor que este non recollera en volume e que permanecía ata o de agora espallada en revistas e xornais non sempre de doado acceso, amais dun completo perfil biográfico do escritor, unha completa panorámica sobre a súa produción e mesmo unha escolma de xuízos críticos sobre dela, realidades todas ás que con anterioridade se prestara só relativa atención”, rematou García Gómez.

‘Fala das Musas e outros poemas’
Nesta nova edición de “Fala das Musas e outros poemas” o investigador e crítico literario Armando Requeixo recupera “Fala das Musas”, libro inencontrable desde que se publicara en decembro de 1936, e suma aos versos deste libro outras composicións que permanecían espalladas na prensa e que ata o de agora non foran recollidas en volume.

No estudo introdutorio ao libro, Requeixo leva a cabo unha biografía do autor, do que ben poucos datos se coñecían, e traza unha panorámica dos principais elementos característicos da súa poesía. A obra reproduce tamén o prólogo que no seu día escribirá Álvaro Cunqueiro para o libro e engade como apéndice diversos comentarios que se fixeran á obra cando esta fora publicada por vez primeira.

“Fala das Musas e outros poemas” insírese na colección Láncara, que dirixe Luís Alonso Girgado e que publica o centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Daniel Pernas Nieto
Daniel Pernas Nieto (Abadín, 1884-Mondoñedo, 1946) é un escritor de relevo na historia da literatura galega por ser o autor deste primeiro poemario (e case o único) publicado na lingua propia de Galicia durante a Guerra Civil. Autor da escola mindoniense, foi seminarista naquela cidade e, como poeta, pode considerarse un seguidor da estética neovirxilianista liderada por Antonio Noriega Varela.

Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
O CRPIH é un organismo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se ocupa de levar adiante e de difundir proxectos de investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica centrados en Galicia. Actualmente, as súas liñas de traballo xiran arredor da lingüística aplicada, a literatura medieval, a recuperación de publicacións literarias ou a identidade colectiva desde un punto de vista antropolóxico.

Exit mobile version