Site icon Crónica3.com A Mariña

AGEe traslada o seu apoio aos mariñeiros que loitan pola devolución da súa cotización en Noruega

Bruxelas, 22 Xaneiro 2015.- A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, quixo trasladar hoxe dende Bruxelas “o meu máis fondo apoio” aos mariñeiros que mañá se manifestarán novamente en Madrid a partir das 18.00hrs. [1] para esixir a devolución dos impostos aportados durante anos, unha contía que, segundo a asociación Long Hope -que agrupa a máis de 10.000 mariñeiros galegos, 12.000 en todo o Estado-, cífrase en aproximadamente 500 millóns de euros.

A eurodeputada galega salientou que a situación destes milleiros de persoas e as súas familias é “dunha inxustiza incomprensíbel”, xa que “a propia Comisión Europea comunicounos no mes de decembro que as autoridades competentes españolas e norueguesas poden poñerse en contacto para celebrar un acordo bilateral en interese dos traballadores”.

Senra rexistrara no pasado mes de xullo unha pregunta parlamentaria ao respecto da actitude de total desleixo do Goberno de Noruega, corroborando ca resposta da Comisión que este país “debería respectar as disposicións transitorias que figuran no novo Regulamento simplificado (CE) nº 883/2004”, que indica que “toda prestación que non tivera sido liquidada ou que fora suspendida a causa da nacionalidade ou da residencia da persoa interesada será, a petición desta, liquidada ou restablecida.”

Aliás, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa promoveu tamén unha carta asinada por 33 eurodeputadas/os en apoio aos mariñeiros, remitíndolla directamente á primeira ministra noreguesa Erna Solberg a principios deste mes de xaneiro, instándoa a cumprir co Regulamento (CE) nº 883/2004.

Exit mobile version