Daniel Pernas Nieto (Abadín, 1884 – Mondoñedo, 1946) é un escritor de relevo na Historia da Literatura Galega por ter sido o autor de Fala das Musas, o primeiro poemario (e case o único) publicado na nosa lingua durante a Guerra Civil.
Autor da escola mindoniense, foi seminarista naquela cidade e, como poeta, pode considerarse un seguidor da estética neovirxilianista liderada por Antonio Noriega Varela.
Na presente edición Fala das Musas e outros poemas o investigador e crítico literario Armando Requeixo recupera Fala das Musas, libro inencontrable dende que se publicara en decembro de 1936, e suma aos versos deste libro outras composicións que permanecían espalladas na prensa e que ata o de agora non foran recollidas en volume.
No estudo introdutorio ao libro, Requeixo leva a cabo unha biografía do autor, do que ben poucos datos se coñecían, e traza unha panorámica dos principais elementos característicos da súa poesía.
Esta edición de Fala das Musas e outros poemas reproduce tamén o prólogo que no seu día escribirá Álvaro Cunqueiro para o libro e engade como apéndice diversos comentarios que se fixeran á obra cando esta fora publicada por vez primeira.
Fala das Musas e outros poemas insírese na colección Láncara, que dirixe Luís Alonso Girgado e publica o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Xunta de Galicia.
O libro presentarase ás 20.30 horas do venres 30 de xaneiro de 2015 no Salón de Plenos do Concello de Mondoñedo. Participarán como oradores Orlando González, alcalde da localidade; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Luís Alonso Girgado; director da colección Láncara e máis o autor da edición, Armando Requeixo.