Site icon Crónica3.com A Mariña

As gandeiras e gandeiros farán escoitar a súa voz na Comisión de Agricultura do PE a través de Isabel Vilalba

Bruxelas, 23 Xaneiro 2015. O vindeiro martes 27 de febreiro a gandeira Isabel Vilalba, Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), participará como experta no sector leiteiro na audiencia pública convocada pola Comisión de Agricultura e Desenvolvemento Rural do Parlamento Europeo baixo o epígrafe “O paquete lácteo e as perspectivas para o sector leiteiro”.

Dita audiencia contará con dous paneis, “Implementación do paquete lácteo” e “Perspectivas para o sector leiteiro”, contando ca participación de Vilalba no primeiro deles.

As audiencias públicas de persoas expertas son organizadas polas propias comisións parlamentarias cando hai plantexado algún regulamento lexislativo, deste xeito, as eurodeputadas/os poden afondar nos distintos temas a tratar a través da visión das persoas convidadas, polo que resulta especialmente importante ter en conta os sectores profesionais e posicionamentos teórico-prácticos asumidos polas mesmas.

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, como coordenadora do Grupo da Esquerda Unitaria Europea-Esquerda Verde Nóridca (GUE-NGL) para a Comisión de Agricultura, promoveu a intervención de Isabel Vilalba como experta nesta audiencia pública baixo a fundamental premisa de “facer escoitar a voz das labregas e labregos no Parlamento Europeo”, nun tema ademais “fundamental para o País”, como é o sector leiteiro que, aliás, “enfróntase a unha moi posíbel desregulación total do sector a partir do 1 de abril do presente ano”, data na que está prevista a desaparición das cotas leiteiras dentro da Política Agraria Común (PAC).

Isabel Vilalba, ademais de ser cotitular dunha explotación de leite na provincia de Lugo e produtora de fabas de Lourenzá, é a representante da Coordenadora Europea Vía Campesina (ECVC)[1] no Grupo Europeo de Diálogo Civil sobre o Leite e no Observatorio Europeo do Mercado Lácteo -ámbolos dous espazos de debate e información da Comisión Europea- , polo que “non só poderá aportar á Comisión de Agricultura a perspectiva das gandeiras e gandeiros galegos” -puntualizou Senra-, “senón o de todas aquelas produtoras e produtores de leite da UE que avogan por unha produción leiteira non dominada polas grandes industrias”.

Exit mobile version