Site icon Crónica3.com A Mariña

As parroquias cervenses de Cervo, Rúa e San Román sufrirán un corte da emisión televisiva entre as dez e as dúas deste mércores

Cervo, 27 de xaneiro de 2015- O Concello de Cervo informa de que este mércores 28 de xaneiro, entre as 10 e as 14 h., producirase un corte na emisión de televisión que afectará ás parroquias de Cervo, Rúa e San Román e, en concreto, a aqueles núcleos e fogares que reciban o sinal de TDT do repetidor de Monte Buio.

O motivo deste corte é técnico, co obxectivo de facer un reaxuste nese centro emisor que permita aos veciños seguir vendo as canles de TDT tal e como o viñan facendo ata o de agora. Ao remate dos traballos, os veciños terán que facer unha busca das novas canles, volvendo a sintonizar os seus televisores para ver a programación con normalidade.

Ademais, nos casos dos edificios con antena colectiva, pode ser necesario tamén unha adaptación para asegurar a calidade da recepción. Así, as comunidades de veciños deberán contactar cun instalador autorizado se detectan problemas. Para estes casos nos que se requira o apoio dun técnico especializado, o Goberno do Estado ten aberta unha liña de axudas para subvencionar os gastos causados.

Uns traballos que se levan a cabo para cumprir co mandato da Unión Europea de reordenar as frecuencias das canles de TDT e deixar espazo para a tecnoloxía móbil 4G, o que se veu a chamar liberación do Dividendo Dixital. Un proceso no que se apagarán as frecuencias de emisión actuais e se acenderán as novas frecuencias asignadas.

Ao mesmo tempo, o Concello informa de que aqueles veciños que precisen máis información poden contactar co persoal municipal, da mesma maneira que se queren dar conta dalgunha incidencia neste proceso.

Exit mobile version