Site icon Crónica3.com A Mariña

Belén Meitín distánciase das inmediatas competidoras da Liga Sénior Feminina de Bolos de Xove

Non mudaron as posicións na cabeza da clasificación da Liga Sénior tras a tirada de Lago do campionato de Bolos de Xove. Os dous líderes puntuaron, recortándolle Rafael dous puntos a Arturo. Ambos manteñen unha cómoda vantaxe sobre os seus inmediatos perseguidores, 28 puntos Arturo e 22 Rafa sobre Jose Vigo, quen alcanza esta posición de podio grazas á súa vitoria e mellor bolada na tirada. De todas formas a clasificación sigue moi apretada; se para as dúas primeiras posicións Arturo e Rafa teñen moitas papeletas, para o terceiro posto hai un nutrido grupo de xogadores entorno aos cincuenta puntos: José Vigo, Sócrates Campo, Francisco Pérez, José Manuel Cociña, Álex Meitín (o vixente campión) e Moisés Rodríguez. Polo tanto, aínda queda moita emoción nas sete tiradas que quedan para rematar. Non descartamos tampouco que algún dos perseguidores consiga alcanzar aos líderes. Aínda queda terreo suficiente para recuperar.

Liga Senior Feminina
Grazas á súa segunda vitoria consecutiva (máis bolada), Belén Meitín consigue acadar unha pequena distancia sobre as súas rivais, 5 sobre Carmen Roca e 6 sobre Salomé; a falla de 7 tiradas, esta vantaxe é, a todas luces, totalmente insuficiente. Das tres ligas, esta é a que promete un final máis emocionante e apretado, xa que calquer das tres primeiras clasificadas pode gañar.

Liga Sub 16
Unha semana máis sigue a tiranía de Daniel Alonso, que amplía a súa vantaxe sobre Miguel López, que agora é de 23 puntos, prácticamente insalvable. A sorpresa nesta tirada deuna a xove Julia López, quen foi capaz de sorprender aos dous líderes, impoñéndose nesta proba, o cal tamén lle permite acceder á terceira posición.

Durante toda a temporada estamos a facer un seguimento de Julia, que é irmá de Miguel, e cada vez sorpréndenos máis. Trátase dunha xogadora moi nova, pero que ten moito nervio e unha gran personalidade, e non se arredra nin lle trema o pulso nos momentos culminantes, ou sexa, non se lle encolle a man cando hai puntos importantes por xogar.

A vindeira tirada, TERCEIRA DA 2ª FASE, vaise celebrar CAMPO DO CENTRO SOCIAL DE MONTE, O VINDEIRO SÁBADO, 17 DE XANEIRO DE 2015.

Exit mobile version