Compostela, 9 de xaneiro de 2015.- A CIG-Saúde manifesta a súa solidariedade cos/coas doentes de hepatite C e apoia as súas demandas. Considera que é responsabilidade da administración traballar a prol das necesidades sanitarias da poboación, e nomeadamente deste colectivo, e non da industria farmacéutica, e denuncia que até o de agora isto foi o único que fixeron tanto a Xunta de Galiza como o goberno do estado, demostrando así a súa incompetencia.
Para a CIG-Saúde é inadmisíbel que o discurso emitido pola administración para o caso das e dos doentes de hepatite C sexa exclusivamente económico. Neste sentido, a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, asegura que o problema non é que o tratamento requirido para estes/as doentes faga insostíbel o sistema sanitario, “o que fai insostíbel o sistema sanitario é a perversión da industria farmacéutica porque medicamentos que se fabrican a un baixo custo, logo se poñen á venda a un prezo de mercado que multiplica por cen ou por mil o seu prezo real”.
A CIG-Saúde chama a atención sobre este aspecto en concreto porque o mesmo que hoxe ocorre coas persoas afectadas por hepatite C pode ocorrer con outros colectivos se se admite como xustificación o custo para o sistema. De feito sinala que neste a sociedade científica de oncoloxía médica xa está alertando do encarecemento dos tratamentos, porque hai algúns nos que subiron os prezos até nun 100%. Ante isto advirte de que o que hoxe ocorre cos enfermos de hepatite pode acabar pasando tamén cos oncolóxicos.
Fronte a isto, CIG-Saúde reclama que se poña coto á industria farmacéutica e que se incremente a investigación pública para que os beneficios das mesma redunden no conxunto da poboación e non nos salarios dos directivos destas multinacionais.
A este respecto Abuín denuncia que a maioría dos ensaios clínicos con novos fármacos fanse na sanidade pública e que, polo tanto, esta achega un valor esencial que porén, non ten ningún beneficio sobre o custo do medicamento ao ser finalmente as farmacéuticas quen patentan e se levan todos os beneficios. “Posibilítase deste xeito que logo os directivos destas empresas cobren millóns de dólares mentres se lle denega a usuarios/as da sanidade pública o acceso a estes fármacos alegando o seu elevado custo”.
Para a CIG-Saúde admitir esta situación pode acabar provocando que se aplique o mesmo pretexto ao resto de prestacións sanitarias para ir xustificando a súa progresiva privatización e que só teña acceso a certos medicamentos quen os poida pagar, porque xa hoxe quen dispoña de 80.000€ pode tratarse de hepatite C e que non, non terá dereito á cura.
Abuín denuncia ademais a absoluta falta de sensibilidade da administración sanitaria e de quen a xestiona. Neste sentido lembra que foi a presión social e do colectivo de afectados/as a que obrigou ao Ministerio de Sanidade a incluír este asunto na Orde do Día do Consello Interterritorial de Saúde, que terá lugar o vindeiro día 14 de xaneiro. “Teríano incluído xa previamente na Orde do Día se realmente estiveran interesados en achegar solucións”.