Site icon Crónica3.com A Mariña

“Dúas listas de agarda ocultas para tapar a realidade da xestión sanitaria no Hospital da Costa”

A Mariña, 23 de xaneiro de 2015. A Plataforma sanitaria valorou os datos publicados polo SERGAS sobre as listas de agarda no Hospital da Costa que cualificaron de irreais. O colectivo denunciou que estes datos non reflicten a realidade dos centos de mariñás e mariñaos que agardan a ser atendidos no hospital por incompletos, xa que o hospital conta con ate dúas listas de agarda B e encubertas que multiplican os datos oficiais. Desde a Plataforma esixen á xerencia executiva de Burela que de contas da realidade con datos reais por especialidades e deixe pintar de cores unha xestión que non pasa do branco e negro.

NO SISTEMA SANITARIO HAI LISTAS DE ESPERA B COMO HAI SOBRES B NO PARTIDO POPULAR
A Plataforma pide ao xerente executivo que ofreza datos reais das listas de agarda no hospital nas diferentes especialidades porque os datos oficiais non reflicten a realidade, “sinalan que ao marxe destes datos pode haber ate dúas listas B das que non se ofrecen datos que multiplican as listas de espera”. “Non vale de nada ocultar a realidade cando a xente que agarda sabe e sufre en carne propia meses de espera que non se recollen nos datos ofrecidos pola xerencia hospitalaria”.

SORIANO FORMA PARTE DA DIRECCIÓN DA EOXI E NON PODE BOTAR BALÓNS FORA Á HORA DE ASUMIR RESPONSABILIDADES
O colectivo pídelle a Soriano que ademais de recoñecer explicitamente o esforzo dos e das profesionais sanitarios para paliar a falta de persoal, “ten que asumir as súas propias responsabilidades como máximo xestor do hospital reclamando coa contundencia necesaria a cobertura das prazas necesarias para completar e mellorar os servizos”. Non é serio nin propio dunha equipa directiva que despois de recoñecer os esforzos do persoal existente e as necesidades de amplialo non o demande coa contundencia que precisa e bote balóns fora como si as responsabilidades foran unicamente da EOXI da que por certo fai parte.

O PP E O SERGAS MENTIRON NA CREACIÓN DA ÁREA DE XESTIÓN INTEGRADA
A Plataforma ademais fixo mención aos problemas de listas de espera, falta de especialistas, médicos de familia e outro persoal nos centros de atención primaria da comarca. Neste sentido lembraron que a conselleira de sanidade e o Partido Popular mentiron descaradamente cando prometeron coa creación da área de Xestión Integrada a ampliación de competencias e coordinación da xerencia hospitalaria de Burela coa sanidade primaria cando a realidade é xustamente a contraria como demostra o feito de que o xerente executivo de Burela obvia responsabilidades na situación de penuria que vive a atención primaria na comarca sen facer ningunha mención no seu balance anual ao seu estado de abandono.

Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña.

Exit mobile version