Site icon Crónica3.com A Mariña

Emigrantes Retornados da Mariña decide nunha asemblea comarcal o plan de traballo para os vindeiros meses

A Mariña, 26 de xaneiro de 2015. O colectivo de emigrantes retornados da Mariña convoca asemblea comarcal aberta a persoas afectadas para tratar o proceso de regularización que cualifican de mero parche que non soluciona os problemas de fondo polo que as plataformas comarcais coordinadas a través da Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados continuarán a súa loita para avanzar nos obxectivos marcados. O mércores 28 de xaneiro ás 19.00 horas no CENIMA de Foz, celebrarán asemblea para definir un plan de traballo para os próximos meses. Ademais o martes 27 asistirá un grupo ao pleno da Deputación onde se debaterá unha iniciativa do BNG de apoio ás demandas dos colectivos de retornados.

O colectivo de Emigrantes Retornados da Mariña asistirá o martes 27 ao pleno da Deputación de Lugo para apoiar a iniciativa presentada polo BNG na demanda de solucións definitivas aos seus problemas coa Facenda española.

Os emigrantes retornados explicaron que a pesar de que o PP nos gobernos galego e estatal dan por rematado o problema coa fiscalidade que lles afecta coa apertura do proceso de regularización e a devolución de intereses e sancións cobrados inxustamente no último ano e medio, isto non é así; segue sen resolverse o problema do trato discriminatorio entre as persoas que teñen un ou mais pagadores, non se recoñecen de oficio as pensións por invalidez concedidas fora do estado español e mantense nalgúns casos, sobre todo en pensións procedentes de Suíza, a dobre tributación.

Durante este ano e medio de mobilizacións moitas persoas emigrantes retornadas tivemos que facer fronte a reclamacións tributarias con intereses e sancións aplicadas sobre os últimos catro anos, na maioría dos casos con pensións que non chegan aos 22.000 euros de ingresos anuais so por ter dous ou mais pagadores. As nosas pequenas pensións están servindo para manter a fillos e netos no paro, a axencia tributaria non informou con transparencia da obriga de declarar pensións procedentes de estados estranxeiros e asaltou os nosos pequenos aforros xusto cando mais os precisabamos.

Emigrantes retornados denuncian ademais que o período de regularización vai servir á axencia tributaria para lograr cuantiosos ingresos, moi por riba das cantidades que vai ter que devolver en sancións e intereses xa cobrados, unha vitoria parcial froito da mobilización e a denuncia pública pero que non colma nin moito menos as nosas aspiracións.

Emigrantes Retornados A Mariña.

Exit mobile version