A empresa Galipizza patrocinou unha nova edición deste evento que convoca nun torneo de baloncesto a catro equipos formados por membros do Club de Empresas Obradoiro, peñistas e medios de comunicación. Cada unha destes planteis estaba dirixido por un dos técnicos do equipo ACB Rio Natura Monbus Obradoiro, con Moncho Fernández á cabeza, que ademais contou cada un coa inestimable axuda de tres xogadores do primeiro equipo que compite na liga Endesa.
O III Torneo Proam-Galipizza celebrouse onte, por terceiro ano consecutivo, na pista central do Multiusos Fontes do Sar, reunindo a máis dun centenar de asistentes nesta cita de compañeirismo, humor e algo de competición.
A vitoria foi nesta ocasión para o equipo formado polos representantes dos medios de comunicación que cobren a actualidade do equipo a diario. Tanto os finalistas, do Club de Empresas Obradoiro, como os outros dous equipos formados tamén por membros do Club de Empresas Obradoiro e os peñistas tomaron a derrota con moito humor.
Ademais do equipo vencedor, entregáronse as distincións ó Xogador Revelación, ao MVP do torneo, que foi para Miguel, representante da empresa Dinahosting; e o trofeo “Dedícache a outra cousa”, que foi para Mariano Raskin, de Deportes Cope Galicia.
Como nova mostra de irmandade, á conclusión da entrega de trofeos realizada por José Manuel Vázquez, xerente de Galipizza, e Raúl López, presidente do Rio Natura Monbus Obradoiro, tódolos presentes gozaron xuntos dunha merenda cortesía de Galipizza protagonizada polas súas peculiares pizzas realizadas con produtos típicos galegos como o polbo, a zorza ou o lacón con grelos.