Site icon Crónica3.com A Mariña

Festa polo galego na Sala Bahía

A plataforma Queremos Galego da Mariña e as asociacións culturais Francisco Lanza, de Ribadeo; Colectivo Cultural Ollomao, de Barreiros; Asociación cultural A Pomba do Arco, de Foz; Colectivo Cultural Buril, de Burela; Asociación Arrincadeira, de Riotorto; e o Observatorio da Mariña pola Igualdade organizan a festa polo Galego. Será o sábado, 31 de xaneiro, a partir das 17.00 horas na sala Bahía de Foz.

Unha cita co galego, na que a reivindicación do seu uso vai ser unha festa para todos os públicos. Haberá contacontos para os máis pequenos/as, chocolate e concerto da charanga de Burela Verzas-tolas. A entrada é de balde.

Manifestación en Compostela
A plataforma Queremos Galego convocou para o domingo, 8 de febreiro, unha manifestación en defensa do galego. Este é o momento de asegurarmos o noso futuro colectivo e de mobilizarnos para defender a nosa lingua, a nosa existencia. Neste sentido Queremos Galego chama a participar o próximo 8 de febreiro ao mediodía, nunha manifestación que partirá da Alameda compostelá e que voltará contar cunha participación masiva.

Os últimos datos do Instituto Galego de Estatística mostran que o castelán é a lingua maioritaria nas persoas por debaixo de 50 anos. 3 de cada 4 rapaces e rapazas galegas de 5 a 14 anos (74’88%) son castelanfalantes. O 63’3% dos mozos e mozas galegas entre os 15 e 29 anos falan en castelán. De 30 a 49 anos predomina tamén o castelán (56’04%). O galego é lingua predominante entre os 50 e 64 anos e máis de 65. Estes datos reflicten un descenso do uso do galego en torno a dez puntos nos últimos dez anos.

A plataforma chama a todo o pobo galego a participar e dar a máis ampla mostra de unidade en torno á lingua. Mais cun chamado especial ás nais e pais que sen falar galego queren que as súas fillas e fillos o coñezan e teñan competencias nel para poder utilizala, as nais e pais que lle transmiten a lingua as fillas e fillos mais observan con impotencia como a escola é un elemento de desgaleguización, aos máis de 4500 profesoras e profesores que manifestaron o seu compromiso de manter a lingua galega nas aulas malia os riscos da prohibición que impón o decretazo e mesmo a aquelas e aqueles que queren que se derrogue o decretazo para que o galego volte a todas as aulas de Galiza.

Haberá autobuses desde A Mariña. Prezo: 3 euros adulto. Para anotarse hai que chamar aos teléfonos: 982581861, 982140654 e 605377317.

Exit mobile version